top of page

Silleda acolle este venres a obra teatral 'O Péndulo'

7 mar 2022
2 min de lectura

Aborda a historia do fusilado Tirso Gómez e da única alcaldesa galega na II República


Laura Moure/Silleda

Silleda vai acoller este venres a obra de teatro da compañía Inversa Teatro sobre a historia dun home fusilado e a única alcaldesa galega na II República. Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista a outras localidades como Vilagarcía, Moaña, Gondomar, Tomiño ou O Grove.

A peza representarase este venres ás 20:30 horas no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira con entrada de balde e sen reserva previa (máis información no 986 58 00 00, no departamento de Cultura). Con esta programación, explica a deputada de Memoria María Ortega, a Deputación pretende dous obxectivos: garantir que as compañías teatrais do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase. O Péndulo é unha obra de teatro-documento que mostra como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Trátase dun achegamento á historia colectiva desde o persoal xa que Marta Pérez, co-dramaturga e actriz, traslada a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente na Cañiza.


Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila, Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Xusto Moure, Jesús Pérez e Antonio Mouteira. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e acabou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

A propia Marta Pérez destacou que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (...) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”. Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min”, Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page