top of page

Silleda abre o prazo de inscrición nun novo curso de introdución á lingua e á cultura galegas

28 sept
2 min de lectura

A formación, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello, amplía as accións do programa municipal Anduriña de alfabetización e integración sociocultural


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda abre o prazo de inscrición para participar nun Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, en colaboración coa Administración municipal e no

marco da Rede de Dinamización Lingüística.

A nova proposta formativa permitirá ao Concello de Silleda ampliar as accións que vén desenvolvendo a través do programa Anduriña, a iniciativa municipal de alfabetización e integración sociocultural coa que se traballa desde hai anos para favorecer a autonomía, a inclusión e a participación social das persoas procedentes doutros países.


O curso celebrarase na Casa da Xuventude de Silleda os días 19, 20, 21, 22, 23, 26 e 27 de outubro, en horario de 17:00 a 20:30 horas. A formación está especialmente orientada ás persoas chegadas de fóra de Galicia que desexen adquirir unhas primeiras competencias en lingua galega e coñecer mellor a cultura e a realidade social do país, aínda que poderá participar calquera persoa interesada que cumpra os requisitos establecidos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Está dirixida a persoas maiores de 16 anos, ou que cumpran esa idade ao longo de 2026, e non é necesario contar con coñecementos previos de galego, xa que os contidos están concibidos para un nivel inicial. O número de participantes previsto sitúase entre as 10 e as 20 persoas.


As persoas interesadas deberán inscribirse no Concello de Silleda, chamando ao teléfono 986 592 037 ou enviando un correo electrónico a info@silleda.gal 


Lingua para a vida cotiá e achegamento á cultura galega

O curso combinará a aprendizaxe de nocións básicas da lingua con contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia. O alumnado traballará aspectos como a fonética e a pronunciación, vocabulario e expresións de uso habitual, construción de frases sinxelas, comprensión oral e escrita, ortografía básica e recursos prácticos para desenvolverse en situacións cotiás.


A parte cultural permitirá tamén achegarse ás tradicións, festas, gastronomía, música e historia de Galicia, favorecendo un maior coñecemento da sociedade e da cultura de acollida.


A metodoloxía terá un carácter eminentemente práctico e comunicativo, con dinámicas de grupo, diálogos, xogos de rol e simulacións de situacións reais. A formación adaptarase ademais aos distintos niveis de alfabetización e coñecemento lingüístico das persoas participantes.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Entre os obxectivos da iniciativa figuran mellorar a competencia comunicativa inicial, gañar confianza á hora de falar e escribir en galego, facilitar a interacción en situacións habituais e fomentar o interese por continuar coa aprendizaxe do idioma. O curso persegue ademais un dobre obxectivo: favorecer a integración e a inclusión sociocultural das persoas participantes e incrementar o número de falantes de galego, aproveitando o potencial que supón a chegada a Galicia de persoas procedentes doutros lugares.


A incorporación desta formación reforza a liña de traballo desenvolvida polo Concello a través de Anduriña, ampliando as ferramentas de aprendizaxe lingüística e coñecemento da contorna destinadas a facilitar a plena integración da poboación inmigrante. Unha vez superada a formación, o alumnado poderá obter o correspondente diploma expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page