Silleda abordará o venres a modificación puntual do regulamento do Viveiro de Empresas
- Laura Moure

- 26 mar
- 2 min de lectura
O obxectivo é flexibilizar o seu uso
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal levará ao pleno ordinario deste venres unha proposta para iniciar a modificación puntual dos artigos X e XI do Regulamento de Réxime Interior do Viveiro de Empresas do Concello de Silleda, co obxectivo de adaptar o seu funcionamento á realidade actual e optimizar o aproveitamento dos espazos dispoñibles. Segundo se recolle na proposta que se someterá á consideración da Corporación, a experiencia acumulada no funcionamento desta infraestrutura municipal e a evolución das necesidades das persoas usuarias fan aconsellable introducir determinados cambios para dotar de maior flexibilidade ao seu réxime de uso, mantendo en todo caso a prioridade para os proxectos empresariais de nova creación.

Entre as principais novidades que se propoñen figura a posibilidade de que, de maneira excepcional e sempre que existan espazos dispoñibles, poidan acceder ao viveiro empresas ou persoas traballadoras autónomas xa constituídas sen límite de antigüidade, quedando esta ocupación supeditada en todo momento á preferencia dos proxectos emprendedores e das empresas cunha antigüidade máxima de dous anos.
A modificación tamén contempla permitir a continuidade provisional das empresas que superen o prazo máximo de permanencia no viveiro, sempre que non exista demanda doutros proxectos que cumpran cos requisitos de acceso.
Publicidade
Neste sentido, establécese ademais un sistema de prioridade para a liberación dos despachos cando haxa novas solicitudes admitidas e non existan espazos libres. Para elo, poderase ter en conta o grao de uso efectivo do espazo asignado, priorizando a permanencia daquelas empresas que acrediten unha maior utilización e actividade nas instalacións.
No caso de producirse novas solicitudes e non haber despachos dispoñibles, a proposta fixa unha orde de prioridade para a liberación dos espazos, comezando polas empresas ou persoas autónomas que non acrediten un uso efectivo do despacho, seguindo polas que non teñan a consideración de proxecto de nova creación e, en terceiro lugar, polas que superasen o prazo máximo de permanencia establecido no regulamento.
PUBLICIDADE
O acordo que se elevará ao pleno inclúe tamén a apertura dun trámite de consulta pública previa, mediante publicación na sede electrónica e na páxina web municipal, co fin de recoller a opinión da cidadanía e das organizacións potencialmente afectadas respecto desta modificación normativa.
O Viveiro de Empresas do Concello de Silleda, situado no parque empresarial Área 33, constitúe unha infraestrutura municipal orientada a favorecer a creación, arranque e consolidación de novas iniciativas empresariais, facilitando espazos e servizos que contribúan ao desenvolvemento do tecido económico local. O regulamento vixente xa incorpora, ademais, a recente habilitación de novos espazos, como un novo despacho individual e unha sala de coworking, co fin de dar resposta ao incremento da demanda. Para a dotación de mobiliario no espazo de coworking, o Concello de Silleda ten xa solicitada unha subvención a fin de optimizar recursos.








Comentarios