Silleda abordará cambios no regulamento do Viveiro de Área 33, para acoller un espazo de Coworking
- Laura Moure

- hace 4 minutos
- 3 Min. de lectura
O Pleno someterá tamén a votación a proposta de Alcaldía para nomear as dependencias de Benestar Social, na última planta da Casa do Concello, como Espazo Mariló Bueno
Laura Moure/Silleda
A Corporación Municipal de Silleda celebrará este venres (10:00 horas) a sesión ordinaria correspondente ao mes de novembro na que se abordarán cuestións como a modificación do Regulamento e da taxa do Viveiro de Empresas Municipal situado no parque empresarial Área 33. O regulamento actualízase para incorporar dous novos espazos que responden ao incremento da demanda e á ocupación total das instalacións actuáis.

Así crearase unha sala de coworking, situada na antiga zona de cafetería, concibida como un espazo compartido para varias persoas emprendedoras, con seis postos de traballo, zonas de reunión e servizos comúns. Ademais, o despacho que estaba destinado inicialmente a espazo de administración tamén se reconvertirá nun espazo para persoas
emprendedoras, toda vez que o Viveiro está completo a día de hoxe.
Estes novos usos permitirán ampliar as posibilidades de emprendemento no Viveiro municipal, adaptándose ás necesidades actuais de profesionais autónomos e novos proxectos empresariais. Así mesmo, o Pleno tratará a actualización do prezo público, incorporando tarifas específicas para o novo despacho e para os postos da sala de coworking, mantendo un modelo accesible que facilita a posta en marcha de iniciativas empresariais no municipio. Establécese un prezo de 29 euros mensuais para os postos de Coworking e de 40 euros para a que será a oficina número 6 do Viveiro municipal.
Publicidade
Coas modificacións propostas, o Viveiro de Empresas reforza o seu papel como espazo dinamizador da actividade económica local, axudando a consolidar proxectos emerxentes e favorecendo a xeración de emprego.
Outro dos asuntos destacados será a aprobación provisional da Modificación Puntual nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, un procedemento iniciado en febreiro deste ano e que xa conta con todos os informes sectoriais favorables. A modificación afecta ao polígono empresarial Área 33 e ten como finalidade reorganizar e axustar as zonas verdes e espazos libres no entorno da parcela vinculada a Sogama, adaptándoas á realidade física e á implantación efectiva dos servizos.
Trátase dunha actualización técnica que garante unha ordenación máis coherente e funcional do espazo industrial, mellorando a súa operatividade e favorecendo o asentamento de novas actividades económicas. A adaptación proposta non altera a edificabilidade nin os usos previstos, senón que optimiza a distribución dos espazos públicos para garantir o seu correcto funcionamento a longo prazo.
Recoñecemento a Mariló Bueno
Así mesmo, ademais de mocións dos grupos, o Pleno someterá tamén a votación a proposta de Alcaldía para nomear as dependencias de Benestar Social, na última planta da Casa do Concello, como Espazo Mariló Bueno, en recoñecemento á ampla traxectoria social e comunitaria de Dolores “Mariló” Bueno Paisano, figura moi querida e destacada no tecido asociativo de Silleda que faleceu a principios deste mes.
Publicidade
Bueno foi entre outros, Presidenta da Asociación Xuntanza de Mulleres, impulsando a formación e participación femenina, responsábel comarcal da AECC, facilitando axudas a domicilio, apoio ás familias e contribuíndo á implantación da primeira unidade móbil de mamografías en España, e unha muller pioneira en política, sendo a primeira candidata socialista en Silleda, concelleira e voceira municipal nos anos 90, abrindo camiño para a presenza das mulleres na corporación.
O acordo inclúe tamén a instalación dunha placa conmemorativa no espazo municipal e o traslado do acordo á familia e ás entidades coas que colaborou.








Comentarios