top of page

Sete persoas, evacuadas tras producirse unha colisión frontal en Arzúa

Ecos da Comarca/Arzúa

Accidente de hoxe. Fonte: Bombeiros de Arzúa

Dúas das sete persoas feridas neste accidente necesitaron, ademais, a axuda dos bombeiros para poder abandonar un dos vehículos implicados.


Pasaban uns minutos das sete desta mañá cando o 112 Galicia recibiu información sobre un sinistro con posibles atrapados na N-547, na Castañeda, en Arzúa. Con esta información, os xestores pediron a colaboración dos efectivos do Parque Comarcal de Bombeiros, como tamén dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.


Igualmente, os danos ocasionados polo impacto deixaron na vía numerosos restos. Por iso, desde o 112 Galicia, avisouse aos equipos de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Desde o mesmo lugar do accidente, os Bombeiros de Arzúa comunicaron que había bastantes persoas implicadas, sete en concreto, das cales dúas necesitaban da súa axuda para poder saír dun dos coches implicados. Tratábase de dous pasaxeiros dos asentos traseiros, que quedaron liberados unha vez que os efectivos de rescate extraeron a porta de atrás.


Pola súa parte, os profesionais sanitarios ocupáronse da asistencia dos feridos, sete en total, polo que deberon mobilizar máis medios dos previstos inicialmente. Con todo, ningún presentaba lesións de importancia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page