Sae adiante a moción do PP de Arzúa para crear unha axuda á natalidade
- ecosdacomarca

- hace 17 horas
- 2 Min. de lectura
O pleno aproba a iniciativa cos votos de PP e BNG fronte ao rexeitamento de Alternativa por Arzúa e PSOE
Ecos da Comarca/Arzúa
O pleno ordinario celebrado este xoves no Concello de Arzúa aprobou a moción presentada polo Partido Popular para crear unha axuda municipal á natalidade, grazas aos votos favorables dos 6 concelleiros do PP e dos 3 do BNG, fronte ao voto en contra de Alternativa por Arzúa (3) e do PSOE (1).

A iniciativa saíu adiante tras a incorporación dunha emenda do BNG que non altera de maneira substancial a redacción nin o espírito da proposta inicial do Partido Popular, centrada en apoiar ás familias, afrontar o reto demográfico e complementar as axudas doutras administracións, tal e como sinala o PP.
Para o voceiro do PP, Rafael Rivadulla, o resultado da votación “evidencia a absoluta disparidade de criterios dentro do tripartito que goberna Arzúa, incapaz de manter unha
posición coherente nun asunto tan básico como apoiar ás familias”. “Temos un goberno
dividido, sen rumbo e con prioridades claramente equivocadas”, engadiu.
Publicidade
"Durante o debate, Alternativa por Arzúa cualificou a moción de “estética”, chegando incluso a contradicirse nos seus argumentos ata admitir finalmente que a medida podería ser considerada se existe orzamento no 2026. É difícil entender que algo que din que non serve para nada pase a ser válido dentro dun ano; isto amosa unha preocupante falta de planificación e de xestión”, sinalou Rivadulla.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O PSOE, pola súa banda, apunta o edil popular, "votou en contra ao considerar que a axuda non era necesaria porque xa existen outras prestacións, mentres que o BNG, aínda apoiando a proposta, restoulle importancia ao afirmar que non existe unha relación directa coa natalidade e que a contía sería limitada. Ninguén sostén que unha axuda municipal vaia resolver por si soa o problema demográfico, pero negar que toda axuda suma é vivir alleo á realidade das familias”, apuntou o voceiro popular.
Publicidade
Rivadulla concluíu afirmando que “o máis grave non é que dous socios voten en contra e outro a favor, senón que o tripartito volva demostrar que non ten un proxecto común para Arzúa”. “Este Concello sofre abandono, falta de xestión e unha política de parches, e ao final son os veciños os que pagan as consecuencias”, rematou.








Comentarios