Rueda compromete un investimento da Xunta de 150.000€ para a creación do centro de día de Rodeiro
- Laura Moure

- hace 17 horas
- 2 Min. de lectura
"Nos vindeiros días seguiremos dando un paso máis, traballando para buscar outro financiamento adicional, co obxectivo de pechar definitivamente este proxecto tan necesario para Rodeiro", salienta o alcalde
Laura Moure/Rodeiro
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, mantiveron esta semana unha xuntanza na que o titular do Goberno galego lle trasladou ao rexedor o compromiso de destinar 150.000 euros para a creación do centro de día do municipio. Tamén asistiu o tenente de alcalde, Alberte Lamazares.

Esta medida dálle continuidade ao compromiso adquirido polo Goberno galego logo da sinatura dun convenio de colaboración no 2018 para financiar a construción dun Centro Polivalente de Uso Asistencial, no cal agora se prevé situar o centro de día e un punto de atención á infancia. Ademais, a Xunta financia na actualidade dez prazas públicas de atención diúrna nas dúas casas do maior coas que conta o concello.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Durante o encontro tamén se abordaron asuntos como a mobilidade ou a vivenda. Neste último eido, o presidente da Xunta de Galicia lembrou a liña de axudas do Executivo autonómico a concellos de menos de 30.000 habitantes para rehabilitación de vivendas de titularidade municipal destinadas a alugueiro accesible.
No 2026 destinaranse máis de 2,1 M€ a esta liña, que inclúe como principal novidade a cualificación pública permanente das vivendas resultantes. Ademais, increméntase nun 30% o importe máximo da axuda por vivenda, que poderá acadar os 65.000€ (68.000 en determinados casos).
Publicidade
"Esta semana mantivemos un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao que quero agradecerlle a rapidez e o compromiso con que atendeu a petición trasladada polo Concello de Rodeiro. Nesta reunión tratamos varios temas de interese para o noso concello, que se faran públicos nos próximos meses, e entre eles quero destacar un primeiro compromiso fundamental, unha axuda para o Centro de Día e para Punto de Atención á Infancia. 150.000 euros de axuda da Xunta de Galicia, a través dun convenio destinado ao Centro de Día e ao Punto de Atención á Infancia, o cal lle agradezco o presidente esta achega. Seguimos así dando pasos firmes para o remate dun edificio que comezou hai máis de dez anos e que non supera o 30 % da súa execución. Sen dúbida, este vai ser o ano do seu remate", sinala o mandatario de Camba.
Publicidade
Ademais, explica que o proxecto ten un orzamento para o remate de 1.164.000 euros, dos cales:
150.000 € corresponden á Xunta de Galicia
500.000 € ao Plan Extra da Deputación, que o Concello decidiu investir neste proxecto
514.000 € son a achega que lle corresponde ao Concello de Rodeiro
"Nos vindeiros días seguiremos dando un paso máis, traballando para buscar outro financiamento adicional, co obxectivo de pechar definitivamente este proxecto tan necesario para Rodeiro. Falamos dun edificio pensado nas persoas maiores, pero tamén nos máis pequenos, un espazo clave para os servizos sociais e o benestar da nosa veciñanza. Seguimos avanzando, con feitos e compromisos para que no remate deste mandato éste funcionando", salienta Camiñas.








Comentarios