top of page

Rueda asina en Arzúa un convenio para a posta en marcha da promoción dos albergues privados

Levaranse a cabo actuacións en 28 albergues públicos, entre elas as reformas integrais do de Arca no Pino e o de Palas de Reis


Ecos da Comarca/Arzúa

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinou este mércores en Arzúa o convenio co presidente de Agalber (Asociación Galega de Albergues Privados), Miguel Ángel Rodríguez Aira, para a posta en marcha dunha campaña de promoción da rede de albergues privados nos Camiños de Santiago e dar a coñecer a calidade das súas instalacións e servizos, co obxectivo de contribuír a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e cunha oferta turística de calidade.

O acordo, que conta cun investimento de 30.000 euros por parte da Xunta, inclúe tamén a promoción da nova plataforma de reservas BookAlbergue.com para presentala fóra da comunidade cando se poña en marcha, co fin de que se unan albergues de fóra da comunidade e favorecer o seu uso por parte dos peregrinos.


Para continuar a mellorar a seguridade destas instalacións Xunta está a levar a cabo probas piloto en oito albergues privados, en colaboración tamén con Agalber, coa instalación de medidores de CO2 dos que ata finais de este mes se tomarán as medicións. O obxectivo de garantir unha correcta ventilación, polo que en base aos resultados obtidos, elaborarase un manual de boas prácticas para incorporar ás medidas xa vixentes.


Por outra parte, a Xunta traballa na ampliación da rede pública, que como sinalou o vicepresidente primeiro “complementa á privada, co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues públicos. Ademais, o Goberno galego está a reforzar o acondicionamento das instalacións xa existentes e ata finais de ano investirá 2,4 millóns de euros en actuacións en 28 albergues públicos, entre elas as reformas integrais do de Arca no Pino e o de Palas de Reis, xunto con outras reformas nas cubertas ou melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética noutros 26.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page