top of page

Rodeiro impulsará unha importante actuación para mellorar o abastecemento de auga potable

Contará cun investimento superior aos 48.000 euros


Laura Moure/Rodeiro

O alcalde en Funcións de Rodeiro, Alberte Lamazares, e Manuel Deza, concelleiro de Medio Ambiente e Servizos informan de que Rodeiro impulsará unha importante actuación para mellorar o abastecemento de auga potable cun investimento superior aos 48.000 euros. O goberno municipal solicitou esta semana unha axuda destinada á renovación da tubaxe que conecta a captación cos depósitos de almacenaxe, unha intervención orientada a modernizar a rede, reducir perdas de auga e incrementar a eficiencia do sistema hidráulico municipal.

O proxecto conta cun orzamento total de 48.336,48 euros e contempla a substitución de 265 metros de tubaxe de fibrocemento por unha nova condución de PVC de 160 milímetros, ademais da instalación de sistemas automáticos de control de nivel no depósito e novos equipos de telemetría e control remoto para optimizar a xestión da rede.


Segundo explica Alberte Lamazares, o sistema actual presenta importantes deficiencias derivadas da antigüidade das instalacións e da existencia de perdas reais provocadas por reboses no depósito. Os tramos de fibrocemento existentes, con máis de 30 anos de antigüidade, serán retirados mediante empresa autorizada e conforme á normativa específica vixente.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A actuación permitirá mellorar a resiliencia hídrica da rede municipal e beneficiar directamente a arredor de 800 persoas usuarias do abastecemento. Entre os principais obxectivos destacan a redución da auga non rexistrada, a modernización das infraestruturas e a dixitalización do control do sistema.


As obras tamén contemplan medidas específicas de seguridade e saúde, unha xestión responsable dos residuos e o cumprimento dos criterios ambientais establecidos pola normativa europea, garantindo o principio de “non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente”.


Desde o Concello destacan tamén a importante reforma executada nos últimos anos na captación municipal de auga potable. “Cando chegamos ao goberno atopamos unha captación nunha situación moi precaria e con poucas garantías sanitarias, polo que era prioritario actuar para asegurar un servizo básico e de calidade para toda a veciñanza”, sinala Lamazares.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Neste sentido, o executivo municipal subliña que as distintas actuacións que se están levando a cabo na rede de abastecemento están permitindo reducir progresivamente a dependencia da captación do río Arnego, algo que consideran “unha moi boa noticia para o futuro do abastecemento en Rodeiro”.


“O obxectivo é seguir avanzando nun sistema máis seguro, eficiente e sostible, mellorando as infraestruturas hidráulicas e garantindo un servizo fundamental para os veciños e veciñas”, conclúen desde o goberno local.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page