Rodeiro celebra a diversidade cultural coa segunda edición de ‘Raíces e Horizontes’
A cita será o 5 de setembro no Parque do Lago
Laura Moure/Rodeiro
Rodeiro celebra a diversidade cultural coa segunda edición de ‘Raíces e Horizontes’, unha xornada dedicada á migración e á convivencia. A actividade que foi presentada polos concelleiros Xulia Dacal e Alberte Lamazares, terá lugar o sábado 5 de setembro no Parque do Lago, a partir das 17:00 horas, con gastronomía, reflexión, actividades infantís, música e festa

O Concello de Rodeiro, a través da Concellería de Cultura, organiza o vindeiro sábado 5 de setembro a segunda edición de ‘Raíces e Horizontes. Xornada de Migración’, unha iniciativa que nace co obxectivo de converter o municipio nun punto de encontro para compartir culturas, experiencias e historias de vida, favorecendo a integración e fortalecendo os lazos entre a veciñanza.
A xornada desenvolverase no Parque do Lago do Concello de Rodeiro a partir das 17:00 horas e contará cunha programación pensada para todas as idades, combinando espazos de reflexión e diálogo con gastronomía, actividades para a cativada e música en directo.
A concelleira de Cultura, Xulia Dacal, sinala que “Raíces e Horizontes quere ser, sobre todo, un espazo humanista para coñecernos mellor, para compartir o que somos e tamén o que traemos connosco”. Neste sentido, destaca que a migración forma parte da historia de moitas familias e comunidades e que “a cultura é unha ferramenta extraordinaria para crear pontes, derrubar prexuízos e facer comunidade”.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, o alcalde en funcións, Alberte Lamazares, subliña a importancia de que Rodeiro conte con iniciativas que poñan no centro “a convivencia, o respecto e a diversidade”, e anima á veciñanza a participar nunha xornada “pensada para compartir, aprender das experiencias dos demais e celebrar todo aquilo que nos une”.
A programación comezará ás 17:00 horas cunha mesa de reflexión, na que se compartirán conversas, experiencias e historias vinculadas aos procesos migratorios e á vida en comunidade. A partir das 19:00 horas, a gastronomía tomará protagonismo cun espazo de degustacións, no que os sabores de diferentes lugares servirán tamén como punto de encontro e intercambio cultural.
Durante a tarde haberá igualmente actividades para os máis pequenos e pequenas, con xogos, obradoiros e propostas de lecer pensadas para favorecer a participación das familias. A xornada pecharase coa música e a celebración colectiva a través dos concertos e a festa, nun ambiente aberto a toda a veciñanza.
PUBLICIDADE
Desde o Concello destacan que esta segunda edición consolida ‘Raíces e Horizontes’ dentro da programación cultural de Rodeiro como unha proposta que vai máis alá do ámbito estritamente cultural, apostando pola participación cidadá, a integración social e a convivencia. “Porque as nosas raíces son diversas e os nosos horizontes son comúns” é o lema desta edición, que pretende lembrar que a diversidade forma parte da realidade dos municipios e que o encontro entre persoas e culturas contribúe a construír comunidades máis abertas, cohesionadas e vivas.
O Concello de Rodeiro convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada e a facer do 5 de setembro unha tarde para compartir culturas, crear lazos e construír comunidade.









Comentarios