top of page

Rexistrado un terremoto de magnitud 4,6 que se notou nas catro comarcas

Ecos da Comarca/Xeral

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou esta tarde un movemento sísmico de magnitude 4,6 con epicentro no Océano Atlántico. Produciuse ás 15:44 horas e notouse nas comarcas.

Temos constancia de que se percibiu no municipio de Lalín, como nas parroquias de Camposancos e Cadrón; no concello de Silleda coma na Bandeira e Escuadro; en Boimorto; en Santiso como en Visantoña, Ponte Arcediago e Ribadulla; no concello de Melide; no de Antas de Ulla; no do Pino, como en Ferreiros e no Pedrouzo; no de Touro, coma en Quión, Bama e Novefontes e nos municipios de Rodeiro, Arzúa, Vila de Cruces e Agolada. (Así nolo foron confirmando distintos lectores ao longo da tarde).


Un total de tres tremores

Mentres, ás 19:30 horas o 112 Galicia informaba que realmente o Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un total de tres sismos no Océano Atlántico, fronte a costa galega, entre as provincias da Coruña e Pontevedra. O primeiro, ás 13:57 horas deste mediodía, o segundo ás 15:44 e o terceiro ás 15:58 horas, con magnitudes de 3.7, 4.6 e 2.5 respectivamente. Afortunadamente non se rexistraron danos persoais nin materias.


Os tremores deixáronse notar en boa parte da poboación galega, de feito, varios particulares contactaron co 112 Galicia desde as localidades de Ribeira, Rianxo, Porto do Son, Santiago de Compostela, Vilagarcía, A Laracha e Vigo, para confirmar se realmente se trataba dun terremoto, posto que, todos eles relataban que estaban ben pero que notaran como se lles movera distinto mobiliario nos seus fogares.


Ante a sorpresa destas situacións provocadas polos tremores, manter a calma é fundamental, para iso, dende o 112 Galicia ofrecen unha serie de recomendacións que axudarán a reaccionar tras verse sorprendidos por estes episodios.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page