Un sismo de magnitude 3,4 que tivo o seu epicentro en Vilar de Barrio
Ecos da Comarca / Deza / Terra de Melide / ACTUALIZACIÓN 13:20 Horas. 22/05/2021
O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou esta noite un movemento sísmico de magnitude 3,4 con epicentro en Vilar de Barrio, que foi percibido en numerosos concellos da provincia de Ourense, pero tamén do sur de Lugo e de Pontevedra. Tamén se notou nas comarcas de Arzúa (nos municipio de Touro, Boimorto e O Pino), Deza (nos municipios de: Agolada, Lalín e Vila de Cruces) e en Terra de Melide (nos municipios de Melide e Santiso).
Tras producirse o movemento de terra, pasadas as 00:30 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia recibiu unha chamada dun particular de Vilar de Barrio, que aseguraba ter sentido un tremor. Así, postos en comunicación co Instituto Xeográfico Nacional, os operadores do CIAE-112 Galicia confirmaron un movemento sísmico con epicentro neste concello ourensán.
Logo desta chamada, o CIAE-112 Galicia rexistrou alertas dende outros concellos da provincia, como Allariz. Ademais, segundo as chamadas recibidas no 112, o tremor tamén o sentiron veciños de concellos da provincia de Pontevedra, como Mondariz, Mos, Salceda de Caselas, Cambados e A Cañiza, que aseguraban que lles tremera a casa, aínda que sen causar danos nin producirse ningunha situación de emerxencia.
Da provincia de Lugo, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu a alerta dun particular dende Monforte de Lemos informando do mesmo fenómeno.
Todas as persoas que se puxeron en contacto co 112 Galicia coincidiron en sinalar que ninguén estaba ferido e tampouco se produciran danos materiais.
Epicentro do terremoto de hoxe en Vilar de Barrio
Fonte: Instituto Xeográfico Nacional (IGN)
Comentarios