Rematan en Silleda os obradoiros de terapia cognitiva do Plan de Apoio ás persoas con alzhéimer e outras demencias
- Laura Moure

- 23 dic 2025
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de pechar unha nova edición dos obradoiros de terapia ocupacional e estimulación cognitiva, que se impartiron dende o pasado mes de febreiro no marco do Programa de Intervención Integral de apoio ás persoas con alzhéimer, outras demencias e ás súas familias, desenvolvido no municipio a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (AFAPO). O acto de clausura contou coa participación da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, da concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, e do presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, que quixeron acompañar ás persoas usuarias e poñer en valor o traballo realizado ao longo destes meses.

Os obradoiros, celebrados nas instalacións da Casa da Xuventude, contaron nesta edición coa participación de 30 persoas, distribuídas en dous grupos, e desenvolvéronse con carácter regular en horario de mañá. As sesións estiveron impartidas por persoal especializado de AFAPO e centradas na estimulación das capacidades cognitivas, o mantemento da autonomía persoal e a prevención e atraso da aparición de demencias.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou durante a clausura que “este programa é un exemplo do compromiso firme do Concello de Silleda cos coidados, coa prevención e coa atención ás persoas maiores e ás súas familias”. Engadiu ademais que “falamos dun servizo consolidado, que leva máis dunha década funcionando grazas á colaboración con AFAPO e que ten un impacto moi positivo na calidade de vida das persoas participantes”.
Pola súa banda, o presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, puxo en valor “a continuidade e a estabilidade deste programa en Silleda, algo fundamental para poder traballar coa antelación e o rigor que require a atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias”, agradecendo tamén “a implicación do Concello e a confianza depositada ano tras ano no labor da asociación”.
Publicidade
Este programa forma parte dunha liña de traballo que o Concello de Silleda mantén dende o ano 2014, a través dun convenio anual con AFAPO, que permite ofrecer atención especializada tanto ás persoas afectadas como ás súas familias coidadoras, complementándose con accións formativas, entre outras.
De cara á vindeira edición, o Concello informa de que no mes de xaneiro de 2026 volverán iniciarse as valoracións das persoas usuarias, paso previo á posta en marcha dos obradoiros do próximo ano, co obxectivo de adaptar os grupos ás necesidades detectadas e garantir unha atención axeitada e personalizada.
Publicidade
Dende o Concello de Silleda, a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, sublíña a importancia de seguir apostando por este tipo de programas, que reforzan a prevención, o acompañamento e o benestar emocional, e que contribúen a construír unha comunidade máis coidadora e comprometida.








Comentarios