Raquel Romero Orrea, primeira carteira de Silleda, (in)VISIBLE do mes de xaneiro
- Laura Moure

- hace 17 horas
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de escoller a Raquel Romero Orrea, primeira muller carteira do municipio, como (in)VISIBLE do mes de xaneiro, coincidindo coa celebración, o pasado 7 de xaneiro, do Día Internacional do Selo Postal. Con esta elección, o Concello quere recoñecer a traxectoria vital e profesional dunha muller que desenvolveu durante décadas un labor esencial, moitas veces discreto e pouco visible, pero fundamental para a cohesión social, especialmente no rural.

Raquel Romero Orrea, nacida en 1954 e veciña da parroquia de Saídres, foi a primeira carteira de Silleda, abrindo camiño nun oficio tradicionalmente masculinizado e deixando unha fonda pegada en aldeas e vilas do municipio e da comarca.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Ao longo da súa vida profesional pasou por distintos destinos como Saídres, Silleda, Refoxos, Orazo, Loimil ou Vila de Cruces, entre outros, ata xubilarse finalmente en Silleda. Un percorrido marcado polo esforzo, a adaptación constante e o contacto directo coa veciñanza, convertendo o reparto do correo nun servizo próximo e humano.
A súa designación como (in)VISIBLE enmárcase no programa municipal (in)VISIBLES, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Silleda para dar visibilidade a persoas anónimas do municipio que, desde o seu traballo cotián, contribuíron de maneira decisiva ao benestar colectivo e á construción da comunidade, sen ocupar espazos habituais de recoñecemento público.
Publicidade
O programa busca poñer o foco en oficios, traxectorias vitais e compromisos persoais que forman parte da memoria colectiva de Silleda, reivindicando o valor do traballo silencioso, do servizo público e das historias que adoitan quedar fóra dos relatos oficiais. “Con esta homenaxe, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria local e co recoñecemento das persoas que axudaron a facer de Silleda o que é hoxe, poñendo en valor exemplos de dedicación, igualdade e orgullo polo traballo ben feito”, indica a alcaldesa, Paula Fernández Pena.
Publicidade
O programa (in) Visibles foi posto en marcha polo Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño, no ano 2024.








Comentarios