Rafael Cuiña pídelle a Crespo "que dea a cara tras estrelarse co proxecto da senda peonil de Prado"
- ecosdacomarca
- 22 mar 2023
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, esíxelle ao alcalde do municipio, José Crespo, “que dea a cara despois de estrelarse co proxecto para a construción dunha nova senda peonil en Prado”. Numerosos veciños e veciñas da zona puxéronse en contacto con Cuiña nos últimos días para manifestarlle a súa preocupación polo próxima que vai quedar a calzada ás súas casas tras o desprazamento do eixe da estrada EP-6005.

Cuiña lembra que o actual alcalde tratou de vender como un logro de xestión esta iniciativa da Deputación de Pontevedra, pero “agora, cando xorden queixas e problemas coa veciñanza volve esconderse e mandar aos seus concelleiros a partirse a cara”. Lamenta tamén que o goberno local so empece “a poñerse nervioso” cando os afectados protestan, o que demostra que “nin sequera se pararon a mirar antes o proxecto”.
“Nun exemplo máis do seu proverbial escapismo político”, agora bótanlle a culpa á Deputación ao igual que noutros casos lla botan ao anterior goberno: “o caso, coma sempre, é non asumir as súas responsabilidades”, conclúe.
Cuiña explica que o actual alcalde nin sequera se dignou presentarse nun encontro que tiña convocado a semana pasada con veciños e veciñas para analizar este problema. “Quedou de ir e, literalmente, nin apareceu por alí alegando que tiña outras cousas que facer”, explica o candidato de CxL. Remarca que “coma sempre, Crespo está moito máis para os anuncios estrela que nunca se materializan que para os resultados estrelados”.
A maiores desta “falta de consideración para a veciñanza”, Cuiña esixe respecto para a alcaldesa de barrio, "á que o PP leva catro anos ignorando e ninguneando", o que xa dá mostra do que Cuiña considera “un micromachismo”.
O candidato de Compromiso apoia as demandas veciñais e reclama que o goberno de Lalín realice as xestións necesarias para darlles solución. Ademais, subliña que nos últimos días tamén foron moitas as persoas que lle pediron que lle esixa ao PP o cumprimento da promesa electoral para facer unha nova depuradora na parroquia, xa que a actual está a dar moitos problemas. “Estamos ante un incumprimento máis do que Crespo se nega a dar explicacións”, afirma.
Tamén lle pide ao actual rexedor “que se deixe de marear” coa pista de baixada á igrexa. “Non é de recibo que a escasos dous meses dunhas eleccións veña falando agora de facer unha pista dende o pazo de Liñares, de facer permutas con fincas de veciños ou de supostos acordos para ceder terreos que os propios propietarios negan”. “É un insulto á intelixencia da xente ir a Prado catro anos despois coas mesmas promesas que en 2019”, critica.
Cuiña manifesta que, se volve á Alcaldía de Lalín, tomará decisións firmes con respecto á baixada á igrexa e que o primeiro encargo que fará será o dunha nova depuradora para a parroquia. Reafirma tamén o seu vello desexo de que Prado poida dispoñer dun pequeno auditorio, así como resolver outras actuacións pendentes, como o peche do campo da festa.
Por último, o candidato de Compromiso ten claro que se volve á Alcaldía axudará á rehabilitación da capela da Santa Lucía e estudará a posibilidade de levar a cabo un vello anhelo do seu pai: facer unha pequena praia fluvial na contorna desa capela.
Hozzászólások