top of page

Rafael Cuiña esíxelle a Crespo “que se tranquilice e que lembre que isto é unha democracia"

Faino en relación ás declaracións do actual alcalde de Lalín sobre a falta de acordo con algúns propietarios para a compra dos terreos onde quere facer a “gran praza”


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, esíxelle ao alcalde, José Crespo, “que se tranquilice, e que lembre que isto é unha democracia”. Faino en relación ás declaracións do actual alcalde sobre a falta de acordo con algúns propietarios para a compra dos terreos onde quere facer a “gran praza”. “Tivo catro anos para facer isto ben, e agora decátase de que o seu intento de propaganda antes das eleccións choca coa súa falta de xestión neste mandato”, afirma.

Con respecto a isto, Cuiña defende que el está a poñer os intereses do pobo de Lalín por riba do interese económico particular. “A única obsesión de Crespo, que é un alcalde de infografías, era ter unha foto tomando os inmobles ao estilo Hugo Chávez antes das eleccións”, afirma.

Cuiña amósase de acordo co actual rexedor en que “agora o pobo de Lalín ten a posibilidade de escoller entre dous modelos moi diferentes”. Un é o de Crespo, que pasa por facer unha praza con cantidades multimillonarias para a que el mesmo recoñece que a día de hoxe non ten proxecto nin sabe como se pagará. O outro, que defende Cuiña é o da “racionalidade do gasto en cuestións prioritarias, que será o que se aplique se gaño eu”.

Así, “o pobo pode decidir se quere gastar unha millonada no centro de Lalín, e iso é escoller a Crespo, ou investir nas prioridades de todos e todas, que sería facelo por Compromiso”. “O pobo pode elixir”, engade, “e se fai polo dispendio en un contexto de máis de 10 millóns de débeda como agora, eu non poñerei atrancos”, compromete.

Cuiña recorda que dixo que non había acordo con propietarios, e demostrou que “Crespo mentía cando o anunciou”. Incide en que hai máis de un que non asinou, mentres que outros fixérono “por harmonía familiar, o cal para min merece todo o respecto”. En calquera caso, lamenta que Crespo quixese “pasar familiarmente por riba de min, e iso non llo consinto: velaí as consecuencias”, evidencia.

Lembra que Compromiso acordou pactar a “Axenda Urbana” co goberno do PP “por responsabilidade”. Porén, o proxecto de Crespo “non ten nin pés nin cabeza”, porque “a súa obsesión era ter unha firma a modo de vitoria antes das eleccións, e iso chafóuselle”, di.

Ao tempo, remarca que “xa está ben de presentar proxectos e non facelos enganando á veciñanza”. Así, “presentou o das pistas de atletismo e non hai nin os terreos, presentou a “gran praza”, e catro anos despois así estamos”.


Cuiña recorda que Crespo vive dos proxectos EDUSI “decididos polo meu goberno”, e de presentacións de “infografías” para o edificio de Medio Rural, que agora -décadas despois- estará supostamente “en 2025”. Para máis, o actual rexedor realiza este anuncio a unha semana de que non se poidan facer presentacións pola entrada da convocatoria electoral. “Xa está ben”, insiste.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page