top of page

Queremos Parcelarias Agolada organiza para o 12 unhas xornadas de formación para dinamizar o rural

Abordará problemáticas coma a xestión de xurros ou técnicas de cultivos


Laura Moure/Agolada

A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada vai realizar o vindeiro día 12 de novembro un acto formativo en Agolada no que disertarán poñentes sobre problemáticas do rural, coma a xestión de xurros ou técnicas de cultivos. A iniciativa enmárcase no obxectivo do colectivo agoladense de implicar á sociedade, non só local senón tamén da comarca, para facer un rural vivo e con futuro. Con este fin, foron ademais convidados ao acto representantes do mundo rural da Comarca de Deza, dende asociacións e organizacións agrarias, cooperativas ata representantes dos distintos grupos políticos con representación nos concellos da comarca.

Falta de orzamento para as parcelarias

Ademais, Queremos Parcelarias bota en falta "unha vez máis o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento do rural de Agolada por non contemplar orzamento algún para as parcelarias pendentes no concello nas contas de 2023". O colectivo demanda que se inclúan partidas orzamentarias nos presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano para acometer as parcelarias no municipio pendentes dende o ano 2008.


“Precisamos a concentración parcelaria para desenvolver o rural de Agolada”, recalca a asociación

O colectivo reitera que "en Agolada temos máis de medio cento de proxectos viables economicamente e que pretenden asentarse e desenvolverse no noso municipio. A súa viabilidade está condicionada a contar con dimensións de parcelas axeitadas para levalos a cabo. O instrumento que precisamos para dotarnos de parcelas adecuadas é a concentración. Somos propietarios con base territorial suficiente para acometer os proxectos que queremos levar adiante, pero esa propiedade está diseminada en parcelas de dimensións reducidas que fan imposible calquera tipo de actuación axeitada aos tempos actuais de mecanización do campo e rendemento sostible".

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Ademais, tamén publicamente, trasládalle ao conselleiro de Medio Rural que a Lei de Mobilización de Terras Agrarias (Lei METAGA), "non serve para o noso caso das parcelarias pendentes de Agolada. O noso non é un problema de falta de terreos senón de dispersión da propiedade con multitude de parcelas diminutas que fan imposible a súa explotación agraria".


Máis de 800.000 euros investidos poderían perderse

No proceso de estudios previos para acometer a parcelarias pendentes en Agolada, a Xunta de Galicia, tal e como recalca a asociación, investiu entre os anos 2008-2009 máis de 800.000 euros para facer os estudios de investigación dos propietarios das parcelas e para facer os estudios previos de impacto ambiental. Dende esas datas e coa entrada do Partido Popular na Xunta de Galicia no ano 2010 non se volveu a destinar por parte do goberno autonómico un só euro ás parcelarias pendentes no municipio de Agolada. "¿Que vai facer a Xunta de Galicia cos cartos investidos?". Dende a asociación Queremos Parcelarias unha vez máis demanda á Xunta de Galicia "que non abandone o rural vivo como é o de Agolada. Que recapacite e contemple unha partida orzamentaria para o vindeiro ano 2023 co obxecto de decretar o proceso de concentracións parcelarias pendentes no concello de Agolada. Agardamos que así o fagan".

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page