Tamén se publicaron as bases das axudas ao estudo para universitarios e estudiantes de ciclos superiores así como as de compra de material escolar para familias que precisan dunha protección especial
Laura Moure/Silleda
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicar hoxe as bases das Subvencións a Deportistas Individuais Federados/as do Concello de Silleda para a tempada 2023. As axudas están destinadas á práctica deportiva de xeito individual ou por
parellas, cunha dotación económica de 3.000 euros en total.
Poderán optar deportistas federados/as que estén empadroadas no Concello de Silleda con anterioridade á aprobación das bases, que conten ca licencia vixente expedida pola correspondente federación e que participen en competicións oficiais a nivel autonómico e nacional.

O prazo de solicitude das mesmas abrirase cando se publique a convocatoria.
O importe máximo por cada axuda será de 1.000 euros. Serán gastos subvencionables a adquisión de material deportivo, gastos de desprazamento para participar en competicións, pago de adestradores… e os relacionados ca práctica deportiva.
“Con estas bases buscamos apoiar ás persoas deportistas que a nivel individual están competindo en circuitos oficiais a nivel tanto galego coma nacional”, indica a concelleira de Deportes Mónica González.
Axudas ao estudo, e compra de libros e material para familias vulnerables
Por outra banda, tamén no BOP de hoxe se publican as bases das Axudas ao estudo para universitarios/as e estudiantes de ciclos superiores así como as axudas á compra de material escolar para familias que precisan dunha protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego de cara ao vindeiro curso. Estas dúas liñas suman un total de 20.000 euros.
Ao igual que as bases das subvencións a deportistas, estas últimas abrirán o prazo de solicitude en canto se publique no BOP a correspondente convocatoria.
Comentarios