top of page

Protección Civil de Arzúa, Boimorto, Melide, Palas, Agolada, Dozón, Lalín e Cruces reciben axudas da Xunta

Están dirixidas a gastos de funcionamento e estas achegas complementan a outra orde de axudas anual a través da que o Goberno galego dótaas de equipamento de emerxencias


Laura Moure/Xeral

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de 191 agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. A contía global concedida ascende a 340.000 euros. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e a Ulloa reciben estas subvencións Protección Civil de Arzúa, Boimorto, Melide, Palas de Rei, Agolada, Dozón, Lalín e Vila de Cruces.

Por provincias, 64 colectivos da Coruña recibirán axudas por valor de 114.637 euros; en Lugo, son 33 agrupacións beneficiarias, cun orzamento de 55.272 euros; en Ourense, hai 64 que suman un financiamento de 109.696 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 30 agrupacións, con 60.424 euros.


Publicidade

As contías poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.


Esta convocatoria complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento como tendas de campaña para emerxencias, vehículos tipo pick-up, remolques de emerxencias, esparexedores de sal e coitelas de retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas. Na última resolución resultaron beneficiadas 86 agrupacións que se distribuíron máis de 400.000 euros.


Publicidade

Así das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa son beneficiarias:

  • AVPC do Concello de Arzúa que recibe de subvención 1.234,76 €.

  • AVPC do Concello de Boimorto que lle concederon 1.128,63 €.

  • AVPC Terra de Melide que recibe unha axuda de 1.540,53 €.

  • AVPC do Concello de Palas de Rei que obterá 1.294,05 €

  • AVPC do Concello de Agolada que lle concederon 1.023,10 €.

  • AVPC do Concello de Dozón que lle outorgaron 1.486,73 €.

  • AVPC do Concello de Lalín que recibe 2.147,43 €.

  • AVPC do Concello de Vila de Cruces que se beneficia de 1.599,59 €.


Apoio en formación

A maiores do apoio económico, o Goberno galego impulsa a formación destes colectivos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), onde os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias dispoñen de accións formativas para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia. Ao longo de 2023 realizáronse 14 edicións de cursos básicos e 69 edicións de formación continua, con máis de 1.900 participantes en total.

Na actualidade hai rexistradas en Galicia 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil, o máximo histórico, que suman máis de 4.400 efectivos.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page