top of page

"Pretende Cobre San Rafael chegar ao xulgado co proxecto de Touro?"

"Despois dunha DIA e unha resolución negativa, a mina de Touro intenta colar o proxecto denegado e inviable pola vía do recurso", recalca a plataforma Mina Touro O Pino Non


Ecos da Comarca/Touro

A Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non segue en pé de guerra contra o proxecto da mina de Touro. "Está claro que estamos ante un armazón con moitos tentáculos para saírse co seu obxectivo, e que require de moita dedicación de persoas e organizacións que velan porque a transparencia das Administracións non sexa un obstáculo máis nesta carreira, pero deron cun muro infranqueable, o da sociedade galega unida na defensa do territorio, a protección das súas augas, que non perdoa o engano e o abuso".


COMUNICADO ÍNTEGRO

A mina de cobre Touro segue a ser titular, no medio do debate as continuas acusacións ás do "non" de mobilizarse por intereses políticos e carecer de garantías e apoios, a pesar de que seguimos visibilizando e denunciando o que durante décadas, cun silencio abafador, se mantivo sen ningún tipo de intervención por parte das administracións.


As alarmas saltan no ano 2017, cun novo proxecto de reapertura da mina pechada na década dos 80, e esa alarma foi como un resorte en toda a sociedade que aglutinou un “non á mina” contundente, poderoso en toda Galicia; xa non eran só veciños e veciñas de Touro e O Pino. Un proxecto totalmente inviable que mobilizou a toda a Ría de Arousa, a 45 concellos e dúas Deputacións con representantes de todas as forzas políticas, que transcendeu máis aló mesmo da nosa comunidade, con innumerables informes técnicos e científicos que desmontaron un proxecto imposible no noso territorio, o que propiciou a DIA- Declaración de Impacto Ambiental- negativa en febreiro de 2020 e a posterior Resolución tamén negativa un ano máis tarde en plena pandemia.


Unha noticia alentadora para quenes o tiñamos claro desde o primeiro momento e así o manifestamos, pero que sabiamos que non sería o fin, unha loita contra un xigante en situación desigual fainos estar alerta, vixiantes e seguir. Neste impás asistimos a unha mobilización por parte da empresa Cobre San Rafael e as súas promotrores para conseguir como sexa facerse co mineral e a licenza social. A golpe de talonario, con grandes campañas de publicidade, promoción de equipos deportivos, visitas a distintas organizacións que se manifestaron en contra para que cambien o sentido da súa opinión, sen máis aval que as súas palabras, e coa posibilidade de chegar aos tribunais mesmo, como sucedeu con outra mina non fai tanto, o eco de Corcoesto ecoa en Touro.


Pero de quen estamos falando, quen é Cobre San Rafael na realidade?

O despregamento de medios que propician ben podería facer ver que é unha gran empresa, con grandes medios, experiencia e reputación. Nada máis lonxe da realidade, a verdade é que esta empresa nobel é creada ad hoc pola administradora do grupo Explotacións Galegas, propietaria da concesión mineira ata 2017, data na que, -como puidemos pescudar pasado o tempo- decide crear unha empresa chamada Cobre San Rafael en xuño de 2016, cun capital de 3.000 euros para realizar ”actividades relacionadas coa promoción, exploración, investigación, tratamento, fundición, refinería, transporte e explotación de mineral e os seus posibles transformados. Proxecto e construción de obras e servizos. Dereitos mineiros. Conservación e mellora do medio ambiente”, segundo figura no BORME da provincia, sendo o titular xurídico desa mercantil Explotacións Galegas.


Non será ata setembro de 2017, cando xa o proxecto da mina estaba presentado, que se incorpore oficialmente un novo Administrador á mercantil e achega 5 millóns de euros de incremento de capital, trátase de Alberto Lavandeira CEO de Atalaia Mining. Cando

isto prodúcese en Touro e O Pino xa teriamos enriba da mesa o proxecto de explotación mineira que pretendían xa iniciar no Nadal dese ano, non se esperaban a resposta social, nunca contaron coa poboación, para eles era “pan comido”.


Soubemos, que a Xefatura territorial de minas, admitira en marzo de 2017 a resolución de

transmisión da concesión de explotación de recursos mineiros da sección C de EXGA á recén constituída, por eles mesmos, Cobre San Rafael; unha nobel empresa con apenas capital e con apenas 6 meses de vida, sen ningún tipo de experiencia previa en minería nin avais admitindo no mesmo mes o rexistro do novo proxecto mineiro en tempo record, aínda que os veciños e veciñas non nos decatariamos da situación ata uns meses máis tarde. A medida que tirabamos do fío xurdían novos datos, soubemos tamén que desde 2015 estaban a realizarse sondaxes mineiras de investigación sen que se contase co coñecemento oficial, polo menos como dicían as administracións locais, que non tiveron reparo en recoñecer en pleno que non sabían nada das sondaxes previas ao proxecto realizados en vías públicas e que estaban á vista de calquera que se preocupase un mínimo.


Moitos veciños e veciñas sentíronse enganados por quen foi pedindo poder realizar catas, sen explicarlles para que era, producíndose seca en pozos, utilizando a boa vontade das persoas, mentindo en definitiva.

Foron moitas as cuestións postas ao descuberto durante catro anos, pero non rematamos, e seguimos poñendo ao descuberto as últimas novidades, a conta de non rendernos e resistir, sabiamos que non se conformarían cunha DIA e Resolución negativa, e o seu discurso sempre foi o mesmo, queren o cobre, sexa como sexa.


Esa ambición lévanos a unha situación con tres frontes abertas actualmente pola empresa: por unha banda recorreron a Resolución negativa, é dicir queren litigar con quen nos opoño para levar adiante un proxecto denegado e invíable, conseguir nos xulgados o que as leis ambientais non lles permiten, non lles gustamos os veciños e veciñas de Touro e O Pino que queremos manter o noso territorio a salvo da mina e protexer as augas, queren custe o que custe desprazarnos para realizar a ocupación e extraer o metal ata onde lles plazca.


O outro fronte aberta fai referencia ao expediente aberto á empresa EXGA a raiz dunha

inspección de minas na que se constata a continua achega de augas con drenaxe aceda de mina ao dominio público hidraúlico durante anos, para o que se lle esixe unha solucción, isto sucede en 2018, a data de hoxe despois de recursos, alegacións e paralizacións, máis de 3 anos despois da mencionada inspección, EXGA opta por presentar unha proposta, que non dá solucción ao problema existente, senón que é un disfrace para colocar un proxecto condicionado á reapertura da mina e para darlle servizo no seu funcionamento.


"Novo" proxecto

E xa por último temos o anunciado “novo” proxecto de explotación mineira, ese que non existe, pero que o socio capitalista, Atalaia Mining, anuncia nos medios de comunicación como algo novo e único, obviando que as promesas que pretende traer a Galicia, non as cumpre en Huelva. Un proxecto que de momento é unha batería de fume, que formará parte do seu plan B, se o recurso de alzada do proxecto denegado non lles sae ben e deciden non chegar ao xulgado, onde nos atopará.


Está claro que estamos ante un armazón con moitos tentáculos para saírse co seu obxectivo, e que require de moita dedicación de persoas e organizacións que velan porque a transparencia das Administracións non sexa un obstáculo máis nesta carreira, pero deron cun muro infranqueable, o da sociedade galega unida na defensa do territorio, a protección das súas augas, que non perdoa o engano e o abuso.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page