top of page

Presentan no Pino a campaña 'Prevención de riscos no manexo do tractor', unha iniciativa da Xunta

O obxectivo é alertar e concienciar sobre os riscos do manexo deste vehículo e dos apeiros, divulgar as causas máis frecuentes dos sinistros e ofrecer pautas para previlos


Laura Moure/O Pino

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presentou onte no Pino a campaña Prevención de riscos no manexo do tractor, unha iniciativa da Xunta de Galicia para alertar e concienciar sobre os riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, divulgar as causas máis frecuentes dos sinistros e ofrecer pautas para previr ou reducir este tipo de accidentes.


A campaña xorde da necesidade de concienciar á poboación galega —con especial foco na asentada no rural— sobre os perigos do uso do tractor e sensibilizar para que incorporen no seu día a día a prevención de riscos e así evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.

Coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil de Tráfico, distribuiranse 5.000 folletos en galego e castelán elaborados polo Issga co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles e aquelas que teñan relación coa utilización do tractor no campo galego. Así mesmo, faranse entrega de exemplares nas unidades móbiles e puntos fixos da ITV e nos concellos, cunha especial incidencia no rural, tendo en conta a importancia da actividade agraria nestas áreas. Tamén se fará entrega de exemplares á Consellería do Medio Rural para que se faciliten a todas as persoas que realicen o trámite da Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).


A documentación elaborada polo Issga pon o foco en áreas como a importancia do cumprimento das normas de tráfico e da seguridade viaria, a protección da toma de forza ou medidas fronte ao envorco.


Pablo Fernández destacou que un número significativo de accidentes no medio rural teñen o tractor como protagonista e que a meirande parte dos sinistros afectan a persoas xubiladas. Subliñou ademais que todos os falecementos rexistrados en 2024 foron  accidentes non laborais, polo que esta campaña se orienta tanto ao persoal traballador —por conta allea ou propia— como ao conxunto da cidadanía. O obxectivo fundamental, afirmou o secretario xeral, é dar a coñecer os factores que máis habitualmente causan estes sinistros —como os envorcos, atrapamentos na toma de forza ou accidentes na circulación— e ofrecer consellos prácticos para evitalos ou mitigar as súas consecuencias.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Compromiso institucional coa seguridade e a saúde no traballo

Esta campaña realízase en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico no marco do protocolo xeral de actuación asinado no 2023 para reforzar a coordinación entre os organismos e mellorar o coñecemento técnico para a elaboración de campañas e outras actuacións co obxecto de reducir os accidentes de tráfico no ámbito do traballo. A campaña englóbase no marco das actuacións da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e é unha das liñas de actuación recollidas no plan de actuación do Issga para 2025: realizar campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co manexo seguro do tractor e a seguridade viaria.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page