Preocupación polo risco de escorrentías e filtracións na antiga mina de Touro-O Pino debido as choivas
- ecosdacomarca

- hace 14 horas
- 3 Min. de lectura
A plataforma veciñal Contra a Mina de Touro-O Pino presentou sendos escritos ao Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas e á Conselleira de Medioambiente e Cambio Climático e Presidenta de Augas de Galicia
Ecos da Comarca/Touro/O Pino
Este luns 9 de febreiro, a plataforma veciñal Contra a Mina de Touro-O Pino presentou sendos escritos ao Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas e á Conselleira de Medioambiente e Cambio Climático e Presidenta de Augas de Galicia, amosando a preocupación da veciñanza pola afección que os fenómenos meteoróloxicos, cada vez máis agresivos consecuencia do cambio climático, poidan ter sobre as balsas de residuos mineiros e sobre os antiguos ocos mineiros inundados con augas contaminadas.

A plataforma indica que ante a choiva persistente que está a causar alto estrés hídrico en diversas zonas de Galicia, así como en moitos pobos de boa parte de España, e ao coñecerse os verquidos contaminantes producidos na antiga mina de volframio de Monte Neme tras o colapso dunha balsa mineira, "veciños e veciñas de Touro e O Pino están a manifestar unha preocupación crecente polo perigo de que unha situación semellante poida acontecer na antiga mina de cobre de Touro".
Publicidade
Abonda, apunta a asociación, "na inquedanza o feito de que, en circunstancias de normalidade, seguen a producirse escorrentías de augas de contacto do territorio mineiro, aos ríos e regueiros da contorna que rematan no Ulla, debido a que nunca se realizou a pertinente restauración do espazo danado polo mina, a pesares de que o esixe a Lei. As condicións meteorolóxicas cada vez máis agresivas, que se prevé cada vez máis extremas no futuro debido ao cambio climático, abren a posibilidade a situacións impensables en escenarios climáticos normais. Na nosa contorna a existencia balsas de estériles e ocos mineiros inundados de augas contaminadas e hiperacedas, sen condicións de seguridade adecuadas e sen un Plan de Restauración obrigatorio, son unha ameaza moi seria para a saúde das persoas e da facenda dos labregos e gandeiros desta comarcas que atinxe tamén a bacía do Ulla e a Ría de Arousa".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

É necesario, recalca, "que a Administración faga o seu papel protexendo ás persoas e ao Medio ambiente, que faga cumprir as leis ás empresas igual que o fai coa cidadanía. A veciñanza de Touro e O Pino levamos moito tempo reclamando solucións e instando ao goberno da Xunta a tomar decisións tendo en conta o principio de precaución. Non queremos que os nosos fillos e fillas vivan con medo na súa propia casa. Se agora estamos preocupados polas consecuencias do temporal de choiva nas instalacións da vella mina, é difícil imaxinar como estariamos de terse levado a cabo o proxecto mineiro agora en trámite, que pretende construír un depósito de estériles de 80 metros de altura
e 3 quilómetros de lonxitude, almacenado lodos tóxicos no seu interior e na súa superficie. Cando ademais se fía a seguridade das instalacións ao espesado deses lodos, que por moito que se depositen cun grao de humidade baixo, nunhas condicións de precipitacións como as que estamos vivindo é imposible de mantelo, o que eleva o risco de colapso e rotura destas instalacións".
Publicidade
Ante esta situación, a Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino dirixiu sendos escritos ao Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas e á Conselleira de Medioambiente e Cambio Climático e Presidenta de Augas de Galicia, demandando as seguintes medidas:
1.- A inspección técnica, oficial e inmediata, da actual situación das instalacións e arredores da antiga mina de cobre de Touro.
2.- O requirimento conseguinte á empresa concesionaria do cumprimento das súas obrigas de restauración e conservación, en condicións de seguridade, das actuais instalacións, evitando totalmente filtracións e escorrenơas contaminantes.
3.- A verificación de que non existan puntos de vertido ao dominio público hidráulico mais alá do autorizado no Proxecto de Drenaxe refundido e a comprobación de que as augas industriais que se están a verter son todas depuradas, incluso na situación de estrés hídrico actual
4.- A monitorización constante da situación das citadas instalacións
5.- A información transparente a esta Plataforma Veciñal, aos concellos de Touro e O Pino e á opinión publica das medidas tomadas e dos resultados obtidos.








Comentarios