top of page

Premiado un traballo realizado na biblioteca escolar do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín

Recibe 1.500 euros e o obxectivo deste certame, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é estimular iniciativas de investigación desde estes espazos


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Galicia vén de conceder os premios do concurso Traballos por Proxectos realizados na biblioteca escolar a 19 centros educativos, entre eles a do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín. O obxectivo deste certame, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é estimular iniciativas de investigación desde estes espazos, que contribúen á adquisición de competencias-clave, e premiar as boas prácticas dos centros nesta materia.

A convocatoria contempla catro modalidades de participación, unha delas de nova incorporación neste curso enfocada á vertente científica. A primeira delas céntrase nos proxectos de carácter interdisciplinario no que se abordan distintas materias e ámbitos coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula do centro. Nela, os centros galardoados, reciben unha asignación de 2.000 euros.


A segunda modalidade vai dirixida a iniciativas de investigación coordinadas por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, incluídos os que se realicen na materia de libre configuración de 1º e 2 de ESO Investigación e Tratamento da Información. Os centros premiados nesta categoría reciben unha asignación de 1.500 euros. Nesta categoría un dos gañadores foi o traballo que leva por título Unha aldea global, en perspectiva de xénero do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín.


A terceira categoría está centrada nos proxectos de investigación nos que participan varios centros de xeito colaborativo promovidos desde as bibliotecas. A temática escollida nestas tres modalidades podía ser de calquera ámbito de coñecemento.

A cuarta modalidade, novidade este ano, xira arredor dos proxectos realizados con metodoloxía científica, co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico.

Os proxectos deben responder a temas de interese do alumnado ou pertinencia educativa, desenvolver contidos curriculares e contribuír á adquisición de competencias clave. Os centros premiados reciben 1.500 euros.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page