top of page

“Poderiamos copiar a valoración dos orzamentos da Xunta dos últimos 20 anos: Silleda segue esperando”

21 oct
5 min de lectura

A alcaldesa, Paula Fernández, denuncia que os grandes investimentos autonómicos volven

concentrarse en Lalín e A Estrada mentres continúan sen resposta as reivindicacións históricas do municipio


Laura Moure/Silleda

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, amosou onte o seu profundo malestar ante o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027, que, "un ano máis, deixa sen investimentos específicos as principais actuacións que o Concello leva anos reclamando ao Goberno autonómico". “Poderiamos recuperar a valoración que fixemos o ano pasado, ou incluso a de hai vinte anos, e cambiar unicamente a data. As necesidades son as mesmas, as reivindicacións seguen sendo as mesmas e a resposta da Xunta tamén: ningunha”, lamenta a rexedora.


Fernández considera especialmente preocupante que, malia o incremento das contas autonómicas, que superan os 15.000 millóns de euros, Silleda continúe sen ver atendidas demandas fundamentais para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza. “Non estamos pedindo privilexios nin investimentos faraónicos. Estamos

reclamando infraestruturas básicas, seguridade viaria, conservación do patrimonio e melloras nos servizos públicos. O que non é aceptable é que estas necesidades sigan quedando fóra da planificación autonómica exercicio tras exercicio”, afirma.


Un reparto territorial que a alcaldesa considera inxusto

A rexedora cuestiona novamente a concentración dos grandes investimentos identificados na comarca en Lalín e A Estrada, fronte á ausencia de proxectos municipais de envergadura en Silleda. “Non cuestionamos que Lalín ou A Estrada necesiten investimentos. O que cuestionamos é que os demais concellos parezamos condenados a quedar á marxe. A veciñanza de Silleda ten exactamente os mesmos dereitos a recibir servizos e infraestruturas públicas de calidade”, advirte.


Fernández cualifica esta situación de “profundamente inxusta” e considera que a reiteración deste modelo de distribución dos investimentos alimenta unha percepción de trato desigual por parte da Administración autonómica. A alcaldesa lembra que as partidas identificadas en Silleda se corresponden fundamentalmente con actuacións vinculadas á Semana Verde e ao Polo de Emprendemento, iniciativas que valora positivamente, pero que non dan resposta ás necesidades trasladadas polo Concello.

“Que a Xunta invista en instalacións e entidades vinculadas á súa propia estrutura está ben, pero iso non pode presentarse como unha resposta ás demandas da veciñanza de Silleda. Seguimos sen investimentos comprometidos para as actuacións que levamos anos solicitando”, explica.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Abastecemento e saneamento: o Concello asume o que outros non financian

Un dos aspectos que máis preocupa á alcaldesa é a falta de financiamento autonómico para actuacións de abastecemento e saneamento, especialmente no rural.


Fernández lembra que o Concello solicitou axudas para estas infraestruturas que foron denegadas e que, ante a necesidade de dar resposta á veciñanza, a Administración local está acometendo actuacións con recursos propios. “Estamos falando de levar auga potable ás casas e de dotar os núcleos de saneamento. Non son caprichos nin obras ornamentais. Son servizos esenciais que condicionan a calidade de vida e o futuro das nosas parroquias e que motivaron reunións que pedimos en Augas de Galicia”.


Neste sentido, a rexedora destaca o esforzo municipal para ampliar a rede de abastecemento, como no caso da extensión da traída municipal cara a núcleos da parroquia de Lamela, así como os investimentos en saneamento que o Concello está impulsando. “É moi fácil falar de compromiso co rural desde un despacho. O difícil é

explicarlles aos veciños por que non hai financiamento para levarlles auga ou saneamento mentres se anuncian investimentos millonarios noutros municipios. E o máis grave é que, ao final, acabamos sendo os concellos os que temos que buscar os cartos e asumir estas obras”, engade. Así mesmo, Fernández Pena amosa a súa sorpresa polo investimento na nova captación no Deza para Lalín “unha actuación de calado para a que non se consultou a outros municipios e que agardamos coñecer o antes posible para comprobar

que non implicará restriccións para outros municipios que tamén temos captacións no mesmo cauce”, sinala.


As mesmas reivindicacións, un ano máis sen resposta

Entre as actuacións que continúan pendentes figuran a mellora da PO-204 entre A Bandeira e Vila de Cruces, a necesidade de resolver a situación do antigo cámping de Medelo, -cuestión que centrou varias xuntanzas cos responsables autonómicos aínda sen respostas- as sendas peonís na estrada de Silleda a Laro e a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Silleda.

Especial preocupación merece tamén o Mosteiro de Carboeiro, para o que o Concello leva tempo reclamando unha planificación integral que garanta a conservación dun dos principais referentes patrimoniais e turísticos da comarca. Fernández lembra que, ademais das demandas históricas, as incidencias rexistradas este ano no monumento fan aínda máis urxente actuar, especialmente no relativo á conservación da estrutura e á elaboración dun Plan Director que permita programar os investimentos necesarios. “É difícil entender que un monumento da importancia de Carboeiro continúe sen unha planificación económica estable para a súa conservación. Non podemos seguir agardando a que aparezan novos danos para reclamar intervencións de urxencia”, manifesta. A mandataria lamenta que os sucesivos orzamentos autonómicos sigan sen ofrecer un calendario nin compromisos financeiros concretos para estas actuacións.


As axudas conseguidas, froito do traballo e da concorrencia competitiva

Fronte á ausencia de investimentos directos, Fernández reivindica a capacidade de xestión do Concello de Silleda, que nos últimos anos conseguiu captar importantes recursos autonómicos a través de convocatorias de subvencións en concorrencia competitiva.


A rexedora destaca que Silleda figura entre os municipios que máis financiamento conseguiron por esta vía, grazas á preparación de proxectos, á planificación técnica e ao traballo constante para acceder ás distintas liñas de axudas. “Cada euro que conseguimos da Xunta temos que pelexalo. Presentamos proxectos, competimos con concellos de toda Galicia, xustificamos actuacións e buscamos financiamento onde podemos. E estamos orgullosos de facelo, porque é a nosa responsabilidade. Pero unha cousa son as subvencións ás que concorremos en igualdade de condicións e outra moi distinta son os investimentos directos que decide incorporar o Goberno galego aos seus

orzamentos”, explica.


Como exemplo, Fernández lembra o financiamento conseguido para a nova Escola Municipal de Música, un proxecto estratéxico que obtivo apoio autonómico a través dunha convocatoria competitiva ou máis recentemente e a través da mesma convocatoria a aportación do 14% para a piscina climatizada. “A capacidade de traballo do Concello está acreditada. O que reclamamos é que esa capacidade de xestión non sexa a única maneira de conseguir recursos da Administración autonómica. Non podemos depender permanentemente de competir por cada céntimo mentres outros investimentos aparecen directamente consignados nos orzamentos”, engade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Unha cuestión de igualdade territorial

Para concluír, Paula Fernández insiste na necesidade de que a Xunta introduza criterios de equilibrio territorial e atenda as demandas dos concellos de menor tamaño. “Silleda non pode seguir sendo invisible nos orzamentos autonómicos. Somos un concello que medra, que inviste, que presenta proxectos e que está facendo un esforzo económico moi importante para mellorar os servizos públicos. O que pedimos é que a Xunta asuma tamén a parte de responsabilidade que lle corresponde”, sinala.


A alcaldesa reitera que o Concello continuará reclamando os investimentos pendentes e defendendo os intereses da veciñanza diante de todas as administracións. “O máis triste é que xa case sabemos o que teremos que dicir cando se presenten os orzamentos de 2028. Oxalá nos equivoquemos. Porque a veciñanza de Silleda merece moito máis que escoitar, ano tras ano, as mesmas promesas e as mesmas reivindicacións sen resposta”, conclue.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page