"As miñas creacións son ideas que xorden de imaxes, de combinacións de cores ou simplemente dunha palabra que che suxira algo"
Sara Naveiro cos seus cadros.
Entrevista a Sara Naveiro Mirás, pintora de Touro
Laura Moure/Touro
A artista Sara Naveiro Mirás naceu hai case 34 anos na parroquia de Loxo, en Touro (A Coruña). Estudou no instituto de Sar e cursou deseño de xoiería na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, ambos centros en Compostela. Sempre lle gustou todo o relacionado coa creación. Ademais da súa faceta de artista, traballa na empresa familiar: na panadería A Peneira, que ten tenda en Touro e no Pino.
1. Cando comezou a pintar?
Sempre penso que todos empezamos antes a debuxar que a escribir. Desde nenos sempre se leva por dentro e non podería poñer unha data.
2. Que cadros adoita facer?
Agora mesmo estou coa forma circular. Con ela vas probando colocación, cores, e dicir, facendo un pequeno estudo da forma, non sei se me explico ben. É un traballo que vai evolucionando.
3. Que técnicas emprega?
O soporte que estou utilizando nos últimos cadros son sobre papel con acuarela, témperas, lapis... Gústame que sexa moi variado, dinámico... por iso uso acuarela, acrílico ou témperas.
4. Inspírase en alguén?
Máis que inspirarme as miñas creacións son ideas que van xurdindo. Mesmo imaxes que ves ou simplemente, combinacións de cores. Incluso, pode ser tamén unha palabra que che suxira algo...
5. E unha vez que tes a idea cóntame como é o proceso de creación.
Normalmente, utilizo unha fotografía que me serve de guía... Por exemplo, nesta serie de cadros onde a forma é circular, tomei fotos de canicas, abalorios, pelotas, xoguei coa plastilina e nese caso saíu como a forma dunha á. Si ves algunha foto enténdese perfecto (risas).
6. Ten feito algunha exposición?
Dende fai case 10 anos vou a academia de Altaira que leva Xurxo Martinho. Colaborei con algún cadro en exposicións conxuntas, que levou acabo o profesor Martinho: Malpica, Vimianzo... Despois en solitario preparei A exposición de Matriz para a Casa da Cultura en Touro, que son cadros que se poden ver na Peneira con formas vexetais. Pero esta última mostra non se puido visitar polo tema restricións. Foi en Boqueixón, nas xornadas contra a violencia de xénero, cando se puido ver retransmitida en streaming co nome de Corpo Ceibe.
7. Fai encargos?
Si algún encargo vai caendo, sobre todo familia e amigos. Tamén me piden cousas mais concretas.
Comments