A marca lalinense supera así os ríxidos controis que impón a FDA para acceder ao mercado norteamericano
Laura Moure/Lalín
A firma lalinense Lácteos Anzuxao SL desenvolve xa a súa primeira experiencia de comercialización internacional, e faino coa exportación dos seus queixos ao mercado estadounidense, actividade que comezou a finais de 2019, viuse interrompida uns meses en 2020 debido á crise pandémica, e retómase e regulariza agora. A aposta exportadora da empresa, a medio prazo, centrarase no mercado dos Estados Unidos, desenvolvendo un proxecto co importador Forever Cheese Inc. de Nova York, especializado en distribución de alimentos gourmet e de calidade europeos. Este importador encárgase de introducir e presentar o queixo en restaurantes, tendas e cadeas de alimentación especializadas, e tamén ten a súa canle de venda en liña para o público en xeral.
Actualmente a exportación mensual alcanza o 120 quilos de queixos, todos da DOP Arzúa-Ulloa, para o que se realiza unha produción especial para cada envío, dado que hai que adaptar os queixos ao tempo de viaxe en contedor para que cheguen ao seu destino no modo e data óptimos de consumo. Javier Sampayo, xerente de Lácteos Anzuxao, afirmou que “non é fácil introducir un queixo no mercado USA, leva un certo tempo presentalo aos compradores, pero unha vez comproban o sabor e a calidade do produto acceden a comprar e repetir”.
Sampayo explica que “o cliente norteamericano quere sabor, orixinalidade e garantía, por iso a apertura deste mercado é un recoñecemento que nos enorgullece”. “En xeral os queixos españois teñen boa prensa en EEUU o que facilita a entrada, aínda que hai que competir con marcas prestixiosas de Francia e Italia” aclarou o responsable da láctea lalinense, quen destaca a súa satisfacción por superar os ríxidos controis que impón a FDA ( US Food & Drug Administration) á importación de alimentos, o que garante a alta calidade dos queixos Pazo de Anzuxao. Sampayo reconoce que “é certo que a adaptación da nosa compañía aos parámetros de produción e calidade impostos pola DOP Arzúa-Ulloa deixa medio camiño feito.
Os queixos Pazo de Anzuxao xa se poden degustar en lugares emblemáticos, como en The Mercado Litlle Spain, un complexo de restaurantes en Nova York creado polo soado chef José Andrés. A intención de Lácteos Anzuxao é ir aumentando, de forma paulatina, as cifras de exportación a EEUU e que en cinco anos supoña entre o 5% e o 10% da produción total, conscientes da importancia e tamén complexidade do devandito mercado.
Vídeo do ICEX
A semana pasada unha axencia audiovisual encargada polo ICEX realizou unha completa reportaxe das instalacións do Pazo de Anzuxao, así como da súa liña de produción e dos seus queixos. O resultado final editarase nun vídeo para emitirse en todas as feiras internacionais ás que acuda o ICEX, así como nos seus medios dixitais.
Pazo de Anzuxao
A fábrica de Lácteos Anzuxao SL mantén o seu modo de produción artesanal iniciada en 1969, utilizando só a tecnoloxía estritamente necesaria en todos os seus procesos para non alterar o sabor tradicional da súa ampla variedade de queixos, incluíndo o requeixo, elaborados a partir de leite de pastoreo de explotacións da Comarca de Deza, un dos piares tradicionais da marca e sinal de identidade. Ademais de varios premios da marca, un Tetilla Pazo de Anzuxao foi galardoado co Premio ao Mellor Queixo de España 2019, categoría leite de vaca madurado, nos premios Alimentos de España que cada ano outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que lles foi entregado en Madrid o pasado ano.
コメント