Recorremos o Coto de San Sebastián, as tres covas de Loxo e a Fervenza de Batán
Laura Moure / IsmaelRS /Touro
O coronavirus puxo a nosa vida patas arriba, sen embargo, tamén nos está dando leccións en positivo. Unha destas é a de desfrutar dos pequenos momentos e detalles da vida e tamén de aprezar máis o que nos rodea. Co peche da hostalaría por tempadas, a suspensión de actos sociais e culturais ao longo de todos estes meses, fixo e fai que o senderismo ou simplemente saír a camiñar pola natureza sexan un dos plans estrela de moita xente. Permítenos gozar de lugares fantásticos, desconectar e protexernos deste virus infernal. E moitos de nós estamos descubrindo paisaxes e enclaves espectaculares a poucos quilómetros dos nosos fogares. Hoxe en ECOS DA COMARCA damos unha volta por lugares destacados do municipio de Touro que permite desfrutar dunha tarde ao aire libre. Falamos, neste caso, do mirador do Coto de San Sebastián, as tres covas e a Ferveza de Batán, situados nas parroquias de Loxo e Fuentes Rosas.
O mirador do Coto de San Sebastián atópase na parroquia de Loxo e as vistas son espectaculares desde a súa cima, como se pode aprezar no vídeo dabaixo. Está a 385 metros e desde o mesmo pódese ver o Pico Sacro, o aeroporto de Lavacolla, varias parroquias de Touro e as serras próximas do Farelo, Candán e Barbanza. Na cima localízase un castro de forma ovalada formado por un recinto definido por un terraplén e unha terraza a modo de antecastro na parte norte. Resiste en pé una antiga hermita, a de San Sebastián, onde se celebra o primeiro domingo de xullo a romaría do Coto de Loxo.
As tres covas
Nesta paraxe, quizais o que máis sorprenda son as tres Covas de San Sebastián, que destacan pola súa riqueza xeolóxica. Tal e como indica a Deputación da Coruña, son un reflexo doutra parte da historia do municipio, porque a riqueza xeolóxica e mineira faise notar de diferentes maneiras polas súas parroquias, como no aproveitamento das augas
mineiromedicinais que van adquirindo esas propiedades na súa travesía polo subsolo. Así, encontramos o tradicional Local de Baños de Brandelos con augas sulfurosas en Prevediños ou a fonte de augas ferruxinosas de Grixó en Foxás.
Facemos un recorrido en imaxes que nos levarán á Fervenza do Batán.
Autor: Ecos da Comarca.
Ademais, a beleza da naturaleza sorprende coa Fervenza do Batán en Fuentes Rosas e restos do noso patrimonio etnográfico como os muíños. É toda unha experiencia en escasos tres quilómetros. Vas camiñando por este entorno e ao final, media escondida atópase este lugar, que acaba sorprendendo. Pero hai que mencionar que para chegar a ela o nivel de dificultade é medio, pero merece a pena o esforzo para visitar este entorno.
Комментарии