Os proxectos máis disruptivos en renovables, sostibilidade e eficiencia estarán en Silleda
- Laura Moure

- hace 34 minutos
- 3 Min. de lectura
A feira Enerxétika prepárase para celebrar a súa quinta edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda do 25 ao 27 de marzo
Laura Moure/Silleda
A feira Enerxétika prepárase para celebrar a súa quinta edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, converténdose do 25 ao 27 de marzo en punto de encontro do sector da enerxía. Durante estes tres días o certame contará de novo co Salón da Innovación Enerxétika (SIE), un espazo dedicado a poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables en
calquera dos subsectores do certame.

Os proxectos que terán presenza nesta área serán seleccionados entre todas as propostas recibidas por un xurado profesional e independente. Estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da enerxía na Comunidade galega e a súa coordinación realizarase dende o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal).
Consta de dúas seccións, profesional e académica. Na primeira poden participar empresas e entidades, públicas e privadas, tanto que sexan expositoras ou coexpositoras de Enerxétika como que non o sexan, aínda que para estas últimas terá custo e para as primeiras non. A segunda sección está orientada a alumnos de Escolas Universitarias, centros de Formación Profesional e outras entidades educativas, para as que a inscrición é gratuíta.
Publicidade
Cada empresa ou entidade pode presentar máis dun proxecto, o cal, se é seleccionado, mostrarase no SIE a través dun panel no que se poderán ver fotografías e información, outorgándolle gran visibilidade entre o público. Para optar a participar neste espazo exclusivo, os proxectos deben estar en funcionamento ou ter posibilidades reais de aplicación. As condicións de participación poden consultarse na web da feira, www.enerxetika.com
Interesantes proxectos na pasada edición
Na última convocatoria de Enerxétika, celebrada en 2024, o xurado seleccionou 11 proxectos de gran interese, como foron un servizo de recarga de vehículos para municipios integral e diferenciador por estar baseado nunha colaboración público-privada, un microinversor que se presentaba como o sistema máis seguro e potente do mercado para paneis solares, un proxecto de dixitalización de infraestruturas e xestión enerxética intelixente dos portos de Moaña e Cambados que supoñía melloras significativas na súa eficiencia operativa e sustentabilidade ambiental, e tamén outros dous proxectos, centrado un deles en promover o uso de tecnoloxías baseada en hidróxeno verde procedente de renovables nos portos da área atlántica e outro en poñer en valor e potenciar o uso de recursos forestais para xerar calor impulsando a creación de
comunidades enerxéticas locais baseadas en astilla e biomasa forestal que incorporaban ao mesmo tempo xeración fotovoltaica.
PUBLICIDADE
Tamén se expuxeron unha membrana illante con partículas microcerámicas con excelentes calidades como illante térmico, impermeabilizante, anticondensacións
e de resistencia ao lume que podía reducir os gastos de calefacción e aire acondicionado entre un 30-50%, e unha proposta de intelixencia artificial aplicada á protección das aves que reducía o seu risco de colisión contra os aeroxeradores nos parques eólicos.
Sumáronse un cargador de vehículos eléctricos sinxelo e intuitivo que se podía utilizar de forma doméstica ou empresarial, un piloto de flexibilidade que permitía modular a demanda eléctrica a través da monitorización dos equipos de refrixeración para beneficiarse das horas máis baratas, unha nova tecnoloxía para renovables que eliminaba a necesidade de realizar escavacións reducindo o impacto ambiental e os custos e
tamén un cadro para a protección eléctrica de plantas fotovoltaicas que incluía
investidores solares, instalación de comunicacións para monitorear a produción e consumo e panel eléctrico coas respectivas proteccións.








Comentarios