Os populares Dalia García e Carlos Mosteiro renuncian ás súas actas como edís de Melide
- ecosdacomarca

- 5 ago
- 3 min de lectura
Ecos da Comarca/Melide
A Corporación Municipal de Melide celebrou onte pola tarde un pleno no que se someteu a aprobación a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2025. Pero o momento máis emotivo e inesperado chegou ao final da sesión cando dous concelleiros do Partido Popular anunciaron que deixan a política. Dalia García Couso e Carlos Mosteiro Liñeira renunciaron as súas actas como concelleiros.

A primeira en tomar a palabra e anuncialo foi a voceira do PP e exalcaldesa de Melide Dalia García Couso. Anunciou a súa renuncia á acta de concelleira, poñendo así fin á súa etapa na política activa tras máis de 15 anos de dedicación ao servizo público. "A política municipal é unha tarefa esixente, pero para min a máis bonita de todas, que require de moitas horas de traballo, renuncias persoais e unha enorme capacidade de diálogo", recalcou. E aproveitou para agradecer a todas as persoas que compartiron as distintas etapas políticas con ela, tanto aos seus compañeiros de partico como ao resto das distintas Corporacións "por compartir responsabilidades e ilusións".
PUBLICIDADE
Tamén alabou o traballo de todos profesionais do Concello de Melide. "En todos estes anos puiden comprobar de primeira man a súa profesionalidade, compromiso e a súa dedicación ao servizo da cidadanía" e salientou que "dende fóra a Administración local pode parecer sinxela, pero non é. Quen a coñece sabe da enorme complexidade que supón atender ás múltiples necesidades dun concello". E entre os distintos momentos da súa traxectoria como rexedora melidense quixo destacar a posta en marcha do novo centro de saúde da localidade, aínda que puntualizou que cando se inaugurou xa estaba no mandato José Manuel Pérez.
Dalia García Couso foi elixida en abril de 2010 presidenta das Novas Xeracións do Partido Popular en Melide. Nas eleccións municipais de 2011 presentouse na candidatura do PPdeG en Melide no posto número 8 e foi elixida concelleira, ocupándose das áreas de Xuventude, Novas Tecnoloxías e Medios de Comunicación. Nas eleccións autonómicas de 2012 foi candidata a deputada polo PPdeG pola provincia da Coruña, ocupando o posto número 3 dos suplentes. Nas municipais de 2015 volveu repetir no número 8 da lista popular en Melide, sendo reelixida e mantendo as competencias da anterior lexislatura. En outubro de 2015, trala dimisión da alcaldesa Ángeles Vázquez, foi elixida o día 17 nova alcaldesa na súa substitución.
Nas eleccións municipais de 2019 encabezou a candidatura do PPdeG, a cal perdeu a maioría absoluta, polo que perdeu a alcaldía en favor de José Manuel Pérez Penas, de Adiante Melide, que formou goberno co PSdeG. Nese mandato foi elixida deputada provincial. Nas municipais de 2023 foi novamente candidata do PPdeG, sen conseguir recupera-la maioría absoluta, polo cal continuou na oposición.
PUBLICIDADE
Tras a intervención de Dalia García, foi a quenda de Carlos Mosteiro, que confesou que xa levaba tempo pensando nesta renuncia motivada polos seus problemas de saúde.
Seguidamente, o popular Antonio Méndez Romero tamén quixo intervir, sen poder conter as bágoas, e deulle as grazas aos seus compañeiros en nome de todo o Partido Popular.
Por último, tamén se pronunciaron José Manuel Pérez e Xosé Igrexas de Adiante Melide e Ana Mosteiro do BNG.
PUBLICIDADE
"Independentemente das diferenzas que puidemos ter, non me cabe dúbida que ti quixeches sempre o mellor para Melide", díxolle o alcalde a García, quen coincide con ela que estar ao fronte dun Concello como Melide non é tarefa doada.
O rexedor tamén se dirixiu a Carlos Mosteiro. "En primeiro lugar quero agradecerche o teu talante e en segundo, a túa actitude. Iso en política, ás veces, é moito máis do 50%, ás veces xente que fala moito máis, erra moito máis e agardo que das túas doenzas saías ben e que sexas o máis feliz que poidas".
PUBLICIDADE
Pola súa banda Xosé Igrexas e Ana Mosteiro agradeceron a labor dos seus compañeiros e desexáronlles moita sorte na súa vida persoal e profesional.
Coa súa marcha, o grupo municipal popular deberá reorganizar a súa representación no Concello de Melide, á espera de que se formalice a incorporación das persoas que ocuparon as actas de García e Mosteiro.
Enlace ao pleno: https://www.facebook.com/concello.demelide/videos/1377754943880719










Comentarios