O popular Pablo Costoya toma posesión como edil en Melide e Jairo Rodríguez anuncia a súa renuncia
Costoya ocupa unha das vacantes deixadas por Dalia García e Carlos Mosteiro
Ecos da Comarca/Melide
A Corporación municipal de Melide suma un novo cambio na súa composición. Jairo Rodríguez Carril, concelleiro do Partido Popular, anunciou a súa renuncia á acta ao remate do pleno celebrado este mércores, poñendo así punto e final á súa etapa como edil no Concello. A súa marcha prodúcese na mesma sesión na que Pablo Costoya Varela tomou posesión como novo concelleiro do PP, tras as renuncias presentadas anteriormente por Dalia García Couso e Carlos Mosteiro Liñeira.

Costoya, que ocupaba o posto número oito da candidatura popular nas eleccións municipais de 2023, incorporouse á Corporación durante a sesión plenaria. A súa entrada permitiu cubrir unha das dúas actas que quedaran vacantes no grupo municipal popular.
Foi ao final da sesión cando Jairo Rodríguez comunicou publicamente a súa decisión de abandonar a Corporación. O edil, que ocupaba o cuarto posto da candidatura do PP en 2023, explicou que se trata dunha decisión persoal e meditada. Rodríguez vinculou a súa etapa municipal ao proxecto político encabezado por Dalia García e sinalou que a saída da que fora alcaldesa e portavoz popular supuxo tamén o peche dunha etapa e o inicio dun novo escenario para o Partido Popular de Melide.
PUBLICIDADE
O concelleiro agradeceu a confianza depositada nel e o traballo compartido durante estes anos, ao tempo que explicou que considera chegado o momento de dar un paso a un lado para dedicar máis tempo á súa vida profesional, á súa familia e a outros proxectos.
A súa saída supón a terceira baixa no grupo municipal popular desde o inicio do mandato. Primeiro foron Dalia García e Carlos Mosteiro os que deixaron as súas respectivas actas e, agora, Jairo Rodríguez comunica tamén a súa renuncia.
Pola súa banda, Pablo Costoya regresa á política municipal melidense. O novo edil, vinculado ao sector agroganadeiro, xa figuraba na candidatura do PP en varias eleccións municipais e xa foi concelleiro durante o mandato de Ánxeles Vázquez.
PUBLICIDADE
A súa incorporación prodúcese nun momento de reorganización do grupo popular, que afronta unha nova etapa tras a marcha de Dalia García, que encabezara a candidatura nas municipais de 2023, e ante o relevo á fronte do partido local coa elección de Asier Polo como novo candidato á Alcaldía.
Coa saída de Jairo Rodríguez queda agora pendente un novo relevo no grupo popular, que deberá seguir recorrendo á lista electoral de 2023 para completar a representación municipal.
NOTICIA RELACIONADA:
Os populares Dalia García e Carlos Mosteiro renuncian ás súas actas como edís de Melide: https://www.ecosdacomarca.com/post/os-populares-dalia-garc%C3%ADa-e-carlos-mosteiro-renuncian-%C3%A1s-s%C3%BAas-actas-como-ed%C3%ADs-de-melide









Comentarios