top of page

Os festivos locais de Silleda 2027 serán o 9 de xullo e o 23 de agosto

A proposta mantén as datas elixidas pola veciñanza na consulta popular celebrada en 2024, e contou cos votos favorables de PSOE e BNG e a abstención do PP


Laura Moure/Silleda

As comisións informativas celebradas onte ditaminaron favorablemente a proposta de festivos locais do Concello de Silleda para o ano 2027. A proposta, que contou cos votos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG e coa abstención do Partido Popular, establece como festivos locais o venres 9 de xullo, coincidindo coa Festa do Lacón de Silleda, e o luns 23 de agosto, posterior á Festa da Empanada da Bandeira.

Mantense así a decisión adoptada pola veciñanza na consulta popular celebrada en setembro de 2024, na que participaron 1.267 persoas. O venres da Festa do Lacón foi a opción máis votada, con 715 apoios, seguido do luns posterior á Festa da Empanada, con 453 votos.


Desde o goberno municipal valórase especialmente que os festivos locais continúen respondendo á vontade expresada pola cidadanía. “Cando promovemos esta consulta fixémolo para que a veciñanza puidese decidir sobre unha cuestión que forma parte da vida social e festiva do municipio. Escoitamos, asumimos o resultado e cumprimos coa palabra dada”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Fernández destaca que “a participación cidadá cobra verdadeiro sentido cando as decisións se respectan e se converten en feitos”. Neste sentido, lembra que o Concello adquiriu o compromiso de manter durante cinco anos as datas escollidas na consulta, achegando estabilidade ao calendario festivo e permitindo que as familias, as asociacións, a hostalaría e o tecido comercial poidan organizarse con antelación.


“A decisión sobre os festivos non quedou nunha consulta simbólica nin nun anuncio puntual. Foi unha decisión popular que o goberno municipal fixo súa e que continúa

aplicando. Esa é a nosa maneira de entender a política: preguntar cando existen

distintas opcións, escoitar a resposta da veciñanza e actuar en consecuencia”, engade.


Declaración institucional de apoio ao pobo venezolano

Durante as comisións informativas, a alcaldesa trasladou tamén aos portavoces dos

grupos municipais a intención de aprobar no vindeiro Pleno unha declaración institucional de apoio e solidariedade co pobo venezolano, tras os graves terremotos sufridos o pasado 24 de xuño.


A proposta foi remitida á presidenta da Asociación de Venezolanos do Deza co obxectivo de compartir previamente o texto coa comunidade venezolana da comarca e incorporar a súa visión antes da súa lectura e aprobación.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A alcaldesa trasladoulle tamén a disposición do Concello de Silleda para colaborar e acompañar a comunidade venezolana ao longo dos próximos meses. “Venezuela vai

necesitar axuda durante moito tempo. A emerxencia non remata cando desaparece

das primeiras páxinas e, desde a Corporación municipal, queremos facerlle chegar ao pobo irmán venezolano que Silleda está e seguirá estando á súa disposición”, sinala Paula Fernández.


A declaración será lida no Pleno deste venres 31 de xullo, exactamente un mes e unha semana despois dos terremotos do 24 de xuño. O texto lembra que a resposta internacional non pode limitarse ás primeiras semanas, xa que a recuperación das persoas afectadas e a reconstrución das vivendas, dos servizos públicos e das

infraestruturas requirirán tempo, recursos e un compromiso solidario sostido.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

“Silleda mantén unha relación moi próxima con Venezuela. Durante décadas foi terra de acollida para moitas das nosas familias e, hoxe, son numerosas as persoas venezolanas que viven connosco e forman parte activa do noso municipio. Esta traxedia non nos resulta allea nin distante”, destaca a alcaldesa.


A declaración pretende trasladar as condolencias ás familias das vítimas, o apoio ás persoas feridas e damnificadas e unha mensaxe especial de cariño á comunidade

venezolana residente en Silleda e ás familias do municipio que manteñen vínculos

con Venezuela. A proposta dos festivos locais e a declaración institucional serán elevadas ao Pleno da Corporación que se celebrará este venres para a súa aprobación.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page