Os dous institutos de Lalín e o de Cruces participan no programa EduReferentes
- Laura Moure

- 12 ene 2025
- 2 min de lectura
A Xunta e Executivas de Galicia impulsan este programa para sensibilizar aos máis novos sobre os estereotipos de xénero e promover a igualdade
Laura Moure/Deza
Estudantes de 20 centros educativos de toda Galicia coñecerán este curso de primeira man a experiencia de mulleres líderes nos seus sectores a través do programa EduReferentes, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Executivas de Galicia. Das comarcas participan os IES Laxeiro e o IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Ao abeiro desta iniciativa, o alumnado asiste a charlas de 50 minutos a cargo de dúas profesionais referentes galegas en dous ámbitos profesionais diferentes para visibilizar a figura da muller en postos tradicionalmente masculinizados. Nestas sesións trabállanse cos estudantes os mitos sobre os diversos perfís desde unha perspectiva de xénero. Tamén se desenvolven obradoiros educativos sobre softskills (as competencias relacionadas coa forma que ten unha persoa de relacionarse coa súa contorna social) e creatividade guiados por mulleres expertas e tamén centrados na educación emocional con perspectiva de xénero.
A maiores, o programa inclúe mentorías individualizadas para unha selección de cinco estudantes por centro. As mulleres mentoras comparten a súa experiencia e coñecementos, apoiando ao alumnado na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses ao longo de diversas sesións individualizadas.
Publicidade
EduReferentes enmárcase nos obxectivos da Estratexia Galega de Convivencia Escolar Educonvives 2025, que procura a mellora do clima de convivencia nas aulas ao tempo que incide na consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas en función da súa condición sexual.
Todos os centros participantes no enlace:







Comentarios