Os clústers galegos converten Enerxétika 2026 nun espazo de reflexión
- Laura Moure

- hace 19 minutos
- 2 Min. de lectura
Terá lugar do 25 ao 27 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda
Laura Moure/Silleda
O certame Enerxétika 2026, o cal terá lugar do 25 ao 27 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) e contará co patrocinio oro de Red Eléctrica e prata de Serveo, converterase en espazo de reflexión para todo o sector. Tamén para as distintas agrupacións industriais galegas da enerxía, os cales, ademais de ter presenza expositiva, levarán a cabo actividades de gran nivel.

Así, o Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) organizará coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a xornada “Sustentabilidade e transición enerxética”. Tras a súa apertura por parte do presidente do Clúster, José Ramón Franco, e por un representante do Igape, Alberto Álvarez, de Innplica, dará difusión aos resultados do ciclo de talleres de Sustentabilidade e Transición Enerxética.
Ademais, abordarase a xeración renovable consumida no territorio, de man de Juan Castro, de Gaba Enerxía; e as comunicades enerxéticas respecto á súa modernización e potencial de vectorización para os certificados de aforro enerxético (CAEs), por parte de Santiago González, de Integria. Os sistemas de xestión enerxética na industria serán analizados por Carlos Vázquez, de CO2 Smart Tech, mentres que as novidades en solucións HVAC+ACS e a situación normativa actual expoñeraas Silvia Fernández, de Eurofred. Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, será o encargado de pechar a xornada.
Publicidade
Pola súa banda, a Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), expoñerá a xeotermia galega e casos de referencia nunha xornada que será inaugurada polo director xeneral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; o presidente da agrupación industrial, Juan Ricoy, e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán.
Será a través de dous paneis. O primeiro deles centrarase en “Eficiencia enerxética, CAEs e xeotermia”, de man de representantes de Acluxega e Enertra. O segundo centrarase en seis casos de éxito de proxectos de xeotermia, como son os de Adega Viña Mein/Emilio Rojo e o hotel Obradoiro, dos que falará a empresa Kasaka; o Hotel IMI, Bimba e Lola e Estrella Galicia, que explicará a firma Ingeo, e tamén as vivendas Pi e Margall de Vigo, que expoñerá Energanova. O encontro tamén incluirá un coloquio posterior.
PUBLICIDADE
Por último, o Clúster da Biomasa de Galicia celebrará o seu VI Foro da Biomasa, que baixo o lema “A biomasa, unha oportunidade estratéxica para Galicia”, expoñerá a visión da biomasa desde outras comunidades respecto ás redes de calor e posibilidades de transferencia, as vantaxes da biomasa na redución de emisións e o mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia e o aproveitamento e xestión das masas forestais de Galicia.
Entrega de premios
O Clúster da Biomasa tamén apostou por Enerxétika 2026 para ser o escenario de entrega da segunda edición dos seus premios, os cales establecen cinco categorías, “Proxecto sostible en biomasa”, “Traxectoria profesional no sector”, “Impulso empresarial en biomasa”, “Concienciación e educación” e “Compromiso institucional”.








Comentarios