"Dende que a pasado fin de semana, a A sociación Queremos Parcelarias en Agolada fixemos pública unha crítica dos orzamentos da Xunta, temos sido obxecto de varios actos vandálicos contra as nosas reivindicacións e estas desapareceron", lamenta
Laura Moure/Agolada
A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada continúa coa súa loita a pesar dos atrancos cos que se están atopando. Onde van as pancartas que eran visibles para os condutores que circulaban pola estrada PO-840 que enlaza os municipios de Agolada e Melide? "Dende que a pasada fin de semana, a Asociación Queremos Parcelarias en Agolada fixemos pública unha crítica, lexítima, aos orzamentos da Xunta, temos sido obxecto de varios actos vandálicos contra as nosas reivindicacións", comenta o colectivo. "De feito, desapareceron as pancartas que foran colocadas na estrada PO-840, onde os membros da asociación levamos máis de dous anos colocando esas pancartas coas nosas reivindicacións. Dende o colectivo denunciamos estes feitos e deixamos claro que se pensan que con este tipo de actos van acovardarnos ou facernos desistir nas nosas xustas reivindicacións, xa lles adiantamos que non nos vai facer calar nin parar na nosa loita xusta e lexítima”, recalca rotundamente a asociación.
Ademais, sinala que "dende a asociación confirmamos que estes actos están a cohesionar máis aos membros do colectivo e mesmo varios veciños alarmados polos feitos vandálicos se puxeron en contacto coa directiva manifestando o seu apoio e animándonos a seguir adiante coas reivindicacións, xa que as parcelarias son moi necesarias para as parroquias afectadas".
Chamamento público aos políticos de Agolada
Así mesmo a asociación aproveita para formular unha petición. "Facemos un chamamento público á Corporación do Concello de Agolada para que rexeite e condene explicitamente estes feitos mediante un unánime comunicado público. Porque de ter éxito nas nosas reivindicacións, será un éxito da cidadanía de Agolada e de todo o concello independentemente da cor política e é unha inversión que beneficia ao conxunto do pobo. Por isto facemos esta petición a todos os partidos con representación no consistorio aqualatense: a concentración parcelaria será un éxito de todos e un beneficio para todos", recalca.
Comments