Obradoiros, teatro, maxia e música no programa de maio en Silleda baixo o lema “ A palabra rebelde”
- Laura Moure

- 6 abr
- 3 min de lectura
As propostas culturais en torno á figura de Begoña Caamaño arrancarán o sábado día 2 e continuarán ata finais de mes
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de pechar a programación das Letras Galegas 2026, unha proposta cultural ampla e diversa que se desenvolverá ao longo de todo o mes de maio arredor da figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano, baixo o lema “A palabra rebelde”. A iniciativa, deseñada para todos os públicos, combinará actividades de
creación, artes escénicas, música e animación cultural, afondando na dimensión literaria, xornalística e comprometida dunha autora que fixo da palabra unha ferramenta de pensamento crítico, liberdade e transformación social.

A programación arrincará o sábado día 2 co obradoiro de escritura creativa “A palabra rebelde. O fanzine como ferramenta de expresión”, unha proposta de tres sesións baseada na experiencia práctica, individual e compartida. A actividade partirá da introdución á figura e obra de Begoña Caamaño para dar paso á creación de contidos propios co obxectivo de adestrar a creatividade a través da elaboración dun fanzine colectivo. O Obradoiro, a cargo da escritora e activista cultural Llerena Perozo, está dirixido a persoas a partir dos 12 anos e celebrarase na Biblioteca Daniel Castelao de Silleda en horario de 11:00 a 12:30 horas os sábados 2, 9 e 16 de maio.
O programa incluirá tamén a representación de “Begoña Caamaño: o transgredir das ondas”, unha peza unipersoal de Berrobambán, con texto de Paula Carballeira, que reivindica a faceta de xornalista radiofónica da autora e aborda temas fundamentais da súa obra, como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. A función, a través do programa FalaRedes, terá lugar o venres 8 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa do Concello.
PUBLICIDADE

Ao día seguinte, o 9 de maio, celebrarase pola tarde a Mostra Infantil Xirandola, nunha cita especialmente pensada para o público máis novo dentro desta programación das Letras Galegas.
A Biblioteca Pública Municipal volverá ser escenario doutra das actividades destacadas co espectáculo “Maxia nas Letras con Begoña Caamaño. Vitamina B e C”, de Martín Camiña, unha proposta máxica e literaria chea de aventuras visuais que recrea, desde a fantasía, o universo da autora, con referencias a personaxes como Circe e Morgana e á súa relación cos medios de comunicación. Esta actividade, a través de Ler conta Moito, terá lugar o venres 15 de maio ás 17:30 horas na Biblioteca Daniel Castelao.
Teatro e concerto de Mallou o domingo 17
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, concentrará boa parte das actividades centrais da programación. Ao longo da mañá desenvolverase a representación de “Circe ou o pracer oculto”, de Begoña Caamaño, a cargo do grupo silledense Enredos Teatro. Nesa mesma xornada poderá visitarse tamén a exposición do fanzine “A palabra rebelde”, resultado do obradoiro de creación, e completarase a celebración cun concerto de Mallou, que está previsto celebrar na praza Siñor Afranio.
Publicidade
A programación do mes das Letras continuará o 23 de maio co recital “Voces de Carboeiro”, organizado polo Coro Vales Mahía, e pecharase o 30 de maio con outras dúas citas culturais habituais do mes de maio: a Ruada de Parada e Tardes de Primavera,da Coral Polifónica Trasdeza, completando así un calendario que busca sacar a cultura á rúa, implicar á veciñanza e render homenaxe a unha das voces máis singulares e comprometidas da literatura galega contemporánea.
Desde o Concello de Silleda, a concelleira Mónica González salienta que esta programación quere ser tamén unha invitación a “redescubrir a obra e o pensamento de Begoña Caamaño, unha autora que fixo da escrita un espazo de rebeldía, conciencia e liberdade”. Con esta proposta, o municipio súmase á celebración das Letras Galegas 2026 cunha programación plural, participativa e aberta á cidadanía.







Comentarios