O xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila será o pregoeiro da XXXIV Festa do Melindre
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 3 Min. de lectura
O domingo 10 de maio, o Goberno local outorgará ademais a distinción de embaixadores do Melindre ao locutor, a Pilar López López e á ASETEM
Laura Moure/Melide
O xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila será o encargado de pronunciar o pregón da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional que se vai celebrar en Melide os días 9 e 10 de maio. O locutor dará o pregón nun acto programado para o domingo día 10 ás 12:00 do mediodía no Cantón de San Roque. Tamén vai ser nomeado embaixador desta cita, xunto con Pilar López López e a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM). O pregoeiro

López Vila (1964) é fillo de galegos emigrados ao País Vasco. Licenciado en Ciencias da Información (Sección Xornalismo) pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
da Universidade de Euskadi. Desde o ano 1988 é redactor-locutor de Informativos na
Radio Galega onde dirixiu diferentes programas, entre eles ‘A Crónica’, co que segue
colaborando. Na actualidade é responsable do espazo ‘A Crónica de Proximidade’, un
programa que se emite todos os venres ás 20:00 horas no que se tratan en profundidade
temas locais e relacionados co agro, a sanidade, o turismo ou a industria.
Foi tamén redactor-locutor en Radio Euskadi no ano 1987, e redactor-locutor en varias
etapas da emisora ONDA 3 de Bilbao, como delegación da cadea de emisoras ‘Radio
Rato’, xa desaparecida. É colaborador frecuente en xornais do País Vasco e Galicia, nos que publica os seus artigos e reportaxes.
PUBLICIDADE
López Vila posúe un vínculo familiar e unha estreita relación co Concello de Melide, de
onde é orixinaria a súa muller, nacida en Riocobo, na parroquia do Barreiro. É habitual
velo na vila, coa que ten un forte apego e á que da visibilidade a través do seu traballo xornalístico.
Embaixadores do Melindre
O xornalista será ademais un dos Embaixadores Embaixadores na XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, organizada pola administración
local. O domingo 10 de maio, durante o acto que se celebrará ás 12.00 horas no Cantón
de San Roque, tamén se lle outorgará este recoñecemento a Pilar López López e á Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM). A distinción de Embaixador ou Embaixadora do Melindre recoñece o labor de persoas ou institucións pola promoción de Melide e, directa ou indirectamente, da repostaría tradicional da vila.
Pilar López López
No caso de Pilar López López, o Concello destaca o seu papel como xerente de ASETEM e figura clave na dinamización do comercio local e na promoción da gastronomía e dos
produtos estrela da vila, como son os ricos, melindres e amendoados. Pilar López leva anos traballando de maneira incansable para fortalecer o tecido empresarial da vila, impulsar campañas de apoio ao comercio de proximidade e poñer en valor os produtos que definen a contorna melidense. “O seu compromiso coa comunidade, a súa capacidade de mobilización e a súa defensa constante da tradición e da calidade convértena nunha representante excepcional para esta edición da festa”, aseguran.

A pesar de non nacer en Melide, Pilar López é unha “firme” embaixadora da vila, das súas
tradicións e, especialmente, do comercio, da hostalaría e das empresas locais, así como
dos melindres, ricos e amendoados.
Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)
Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM) naceu o 30 de outubro de 1989 co obxectivo de defender os intereses do
empresariado da comarca. Desde os seus inicios, a entidade integrou autónomos e
empresas de diferentes sectores, converténdose nun axente clave para a dinamización
económica de Melide e dos concellos da zona.

Ao longo da súa traxectoria, ASETEM mantívose fiel ao compromiso de promover o
comercio e a actividade empresarial local, dando un paso decisivo en 2005 coa súa
constitución como Centro Comercial Aberto e consolidándose en 2010 como colectivo
único de representación empresarial tras a integración doutras asociacións.
PUBLICIDADE
Na actualidade, continúa a ser un referente no apoio, modernización e fortalecemento do
tecido económico da Terra de Melide. Ademais, “destaca polo impulso de numerosas
iniciativas entre os seus asociados e asociadas para promover e poñer en valor a Festa
do Melindre e a repostaría tradicional, así como os produtos máis representativos da
comarca: amendoados, ricos e melindres”, aseguran dende o Goberno local.
A XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, declarada Festa de Interese Turístico Galego, sumará así tres novos embaixadores comprometidos
coa defensa, exaltación e protección dos produtos artesanais da vila.








Comentarios