O XI Congreso do Sindicato Labrego Galego terá lugar en Lalín o 29 de novembro
- Laura Moure

- hace 14 horas
- 3 Min. de lectura
Laura Moure/Lalín
O 29 de novmebro, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebrará o seu XI Congreso no Auditorio de Lalín baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro. Un evento imprescindible para a organización e que marcará o porvir dos vindeiros catro anos.
"Estes últimos meses non deixaron de chegar novas vinculadas co sector, que de materializarse ou non ser capaces de frealas, poden poñer en dúbida a continuidade de moitas granxas no futuro próximo. A finais do verán coñeciamos a proposta da Comisión Europea de facer un recorte nunca visto dos fondos económicos para a PAC máis alá do 2028. Un recorte económico que vai afectar aos cartos que as granxas poidamos percibir, pero tamén unha redución da importancia que a Comisión Europea lle dá á PAC ao querer eliminala como política propia restándolle importancia á mesma e, polo tanto, a perda de peso que a produción de alimentos e as labregas imos ter no futuro na toma de decisións ou nas prioridades dos gobernos. A isto temos que sumarlle as novas das últimas semanas coa detección dos primeiros casos da Dermatose Nodular Contaxiosa en Girona. Unha enfermidade que afecta ao gando vacún, orixinaria de África, pero que dende hai uns anos se vai estendendo por Europa e que alí onde a teñen provocou grandes perdas económicas e sociais ao sector", sinala o sindicato.

Neste panorama, apunta, "de extremada fraxilidade para o futuro das nosas granxas, cabería esperar unha resposta política á altura das circunstancias, con gobernos que escoitasen e se preocupasen por todas nós e buscaran solucións para non deixarnos á nosa sorte. No caso da Consellería do Medio Rural semella hai moito que esta non é a prioridade. Non se goberna coa intención de dar solucións e protexer as labregas deste país. Sistematicamente vemos como dende a Consellería do Medio Rural ante cada nova problemática se trata de mandar balóns fóra cando poden, como vimos cun tépedo rexeitamento de cara á galería da proposta de recorte na PAC, ou no caso da Dermatose Nodular Contaxiosa, deixándose levar pola situación sen intención ningunha de escoitar nin informar o sector".
E recalca que "sendo a estas alturas unha das poucas Comunidades Autónomas que aínda non reuniu o sector para facer fronte a esta situación -cando CC.AA como Cantabria ou Asturias levan reuníndose, informando e deseñando protocolos preventivos dende o momento en que se tivo coñecemento do brote de Girona-, no noso caso temos que aguantar unha Consellería que vai con varias semanas de atraso na prevención e información sen dar a cara ante as persoas labregas".
Publicidade
"Neste contexto de abandono e fraxilidade por parte dos gobernos, no SLG encaramos o noso XI Congreso que se vai a celebrar o 29 de novembro en Lalín baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro. Durante este último mes realizáronse por todo o país asembleas comarcais de debate e elección das persoas representantes para os vindeiros 4 anos. Nestas asembleas, como na xornada do propio Congreso, debátense as prioridades e necesidades para as persoas labregas e, se algo tiveron en común todas as asembleas comarcais, se en algo estiveron de acordo as ducias de labregas afiliadas o SLG que participamos nestas asembleas, foi na necesidade de organizarse para facer oír a voz das labregas en fronte dunhas administracións públicas que levan anos virándonos as costas e lexislando na nosa contra".
Publicidade
E salienta que "como o noso propio lema do congreso di -Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro-, as labregas que formamos parte do SLG estamos dispostas a autoorganizarnos para defender o futuro das nosas granxas, o futuro das nosas vilas e aldeas e o futuro das vindeiras xeracións. As labregas do SLG estamos dispostas a dar un paso adiante para poder seguir a producir unha alimentación sa e alimentar o noso pobo, dispostas a organizarnos e loitar por unha Galiza labrega viva e con futuro".
Así que recalca que o o vindeiro 29 de novembro en Lalín "temos a oportunidade de mostrarlle á sociedade e aos nosos gobernantes que as labregas deste país non nos rendemos. Demandamos ser oídas e tidas en conta en todo o que afecta ao noso modo de vida, en todo o que afecta á Galiza labrega e rural, e que ante os seus continuos ataques, ben por obra ou por omisión, estamos disposta a dar un paso adiante para organizarnos. Co traballo de todas as persoas que formamos parte do SLG CONQUISTAREMOS O NOSO PROPIO FUTURO".








Comentarios