O voluntariado de Adega colabora na restauración do monte queimado do Sexo e A Baíña, na Agolada
- Laura Moure

- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
Laura Moure/Agolada
Unha vintena de persoas coordinadas pola asociación ecoloxista ADEGA participaron este pasado 6 e 7 de decembro nun campo de voluntariado ambiental para contribuír á restauración de zonas afectadas polos incendios forestais na Agolada. En concreto, as actividades desenvolvéronse nos montes da aldea do Sexo, ao carón do rego e da fervenza da Baíña. Alí, o voluntariado desenvolveu tarefas de control da erosión mediante o espallado de palla nunha superficie aproximada dunha hectárea.

Esta técnica de mulching permite protexer o solo, reducir o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación. De forma complementaria, construíronse cinco faxinas xunto a un rego que desemboca no rego da Baíña, co obxectivo de reter os sedimentos e diminuír as escorrentas.O lume arrasou neste lugar unhas 500 hectáreas, entre as que había bosque autóctono, de ribeira e matogueira; e afectou unha zona incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, que conectaría a Serra do Careón co Sobreiral do Arnego.
Dúas xornadas de traballo
A xornada comezou o sábado ás 10:00 horas da mañá coa chegada das persoas voluntarias a Santiso, onde foron recibidas no local da antiga escola unitaria, un espazo cedido polo Concello de Santiso para a pernocta do voluntariado.
Publicidade
O grupo, diverso tanto en idades como en procedencias —con participantes chegadas de Ecuador, Estremadura, Rairiz de Veiga, Silleda e, por suposto, da contorna da Agolada— desenvolveu os labores de restauración ao longo de toda a mañá.Xa pola tarde, e ante a imposibilidade de regresar ao monte debido ás condicións meteorolóxicas adversas, o programa completouse cunha actividade de formación e sensibilización a través dun xogo de rol centrado na prevención e na xestión dos incendios forestais, co obxectivo de achegar unha visión máis ampla sobre as causas e consecuencias dos grandes lumes.Ao día seguinte, o voluntariado continuou con novos traballos no monte, centrados na apertura de dous pequenos treitos dun camiño que formarán parte dun futuro roteiro interpretativo, así como na preparación da zona para unha posterior plantación de especies autóctonas en colaboración co CEIP da Agolada.
Ao longo da mañá tamén se levou a cabo unha recollida de lixo que continuou na xornada do luns por parte da veciñanza.Tras o xantar, o voluntariado puxo punto final á xornada cun roteiro de aproximadamente 4 quilómetros, guiado polo biólogo arzuán Iván Orois, pola contorna onde se pretende instalar Altri. En concreto, visitouse a zona onde se producirían os vertidos da macrocelulosa, na confluencia entre o rego da Baíña e o río Ulla.
Publicidade
Grazas á veciñanza e ao voluntariado!
Por último, ADEGA quere agradecer a quen fixo posible este campo de voluntariado: ás persoas participantes, pola súa implicación e sensibilidade; ao Concello de Santiso, que puxo a disposición das voluntarias o espazo para pernoctar; e á veciñanza do Sexo pola súa boa acollida.
En concreto, a asociación agradece a colaboración "de Anxo Oro, que achegou a palla utilizada no monte; de Marcos Sánchez Fuciños, que deixou o seu tractor para carrexala; e da súa irmá Mayca, que nos agasallou cun bo cocido no xantar do domingo". Tamén á Fundación Eira da Xoana, a O Sexo Ardeu e a Iván Orois, biólogo, por xuntarse a ADEGA nun campo de voluntariado que non só procurou recuperar os espazos queimados, senón tamén reivindicar e divulgar os valores ambientais que os fan únicos.
ECOS DA COMARCA estivemos o sábado. Compartimos o enlace do vídeo: https://www.facebook.com/reel/647683325004742








Comentarios