O Viveiro de Empresas de Silleda arranca o ano cun novo ciclo de formación dixital para pemes e negocios
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A participación no programa é gratuíta e aberta a calquera persoa interesada, previa inscrición
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, coa colaboración da Fundación Roberto Rivas, continúa este 2026 co Programa de Dixitalización de Pemes e Negocios Locais que se desenvolve no Viveiro Municipal de Empresas de Silleda, cunha nova serie de sesións formativas gratuítas dirixidas ao tecido empresarial da comarca.

O programa deu comezo o pasado 7 de xaneiro de 2026 cunha primeira sesión dedicada a
Canva, centrada na creación de materiais visuais atractivos para redes sociais e escaparates dixitais. Esta semana terá lugar unha nova formación, o martes 4 de febreiro, baixo o título “Introdución á Intelixencia Artificial: deixa que a IA traballe por ti”, na que as persoas participantes aprenderán a empregar ferramentas de IA para planificar e analizar a súa actividade en liña.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

As sesións están impartidas por Maia Comunicación e teñen un enfoque práctico, pensado para a aplicación directa nos pequenos negocios, comercios e proxectos emprendedores.
O programa continuará nos vindeiros meses cun calendario de sesións mensuais, sempre en horario de 19:30 a 21:30 horas, e incluirá as seguintes formacións:
• 4 de marzo de 2026: IA aplicada á edición de imaxes
• 8 de abril de 2026: Metricool: programa e mide os teus resultados
• 6 de maio de 2026: Google Business: o teu escaparate dixital
• 3 de xuño de 2026: Sesión de avaliación e conclusións
Publicidade
A participación no programa é gratuíta e aberta a calquera persoa interesada, previa inscrición, e as sesións celébranse nas instalacións do Viveiro Municipal de Empresas, no Parque Empresarial Área 33.
Publicidade
Este ciclo formativo enmárcase no plan de dinamización do Viveiro de Empresas de Silleda e busca acompañar ás pemes e negocios locais no seu proceso de transformación dixital, mellorando a súa visibilidade, competitividade e adaptación aos novos retos tecnolóxicos.








Comentarios