O Viveiro de Empresas de Silleda acollerá un novo programa de dixitalización para pemes e negocios
- Laura Moure

- hace 7 minutos
- 2 Min. de lectura
As sesións, organizadas xunta ca Fundación Roberto Rivas comezan o 30 de outubro e prolongaranse ata maio de 2026
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas poñen en marcha un novo Programa de Dixitalización de Pemes e Negocios Locais, que se desenvolverá no Viveiro Municipal de Empresas a partir do vindeiro 30 de outubro. Esta iniciativa, gratuíta e aberta ao tecido empresarial local, busca ofrecer ferramentas prácticas para mellorar a comunicación, a atención ao cliente e a presenza dixital das pemes, a través de sesións mensuais que se prolongarán ata maio de 2026.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, subliña que “este programa é un exemplo de colaboración efectiva co tecido económico, facilitando formación útil, moderna e adaptada á realidade das empresas locais. É unha maneira de acompañar á nosa economía no proceso de transformación dixital e de reforzar a competitividade do pequeno comercio”, e agradece a colaboración e apoio da Fundación Roberto Rivas.

Pola súa banda, Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas, destaca que “esta colaboración co Concello de Silleda permite continuar acompañando ás pequenas empresas galegas na súa transformación dixital, ofrecendo formación práctica e accesible. O noso obxectivo é contribuír a que o talento local e o emprendemento rural poidan adaptarse aos novos retos dixitais e facelo na súa contorna”
A primeira sesión terá lugar o xoves 30 de outubro, ás 20:00 horas, coa presentación do programa a cargo do equipo da Fundación Roberto Rivas. Uns días despois, o 5 de novembro ás 19:30 horas, celebrarase unha sesión de benvida e participación, na que se explorarán as expectativas das persoas inscritas e se concretarán os contidos de cada módulo.
Publicidade
A partir de aí, desenvolveranse nove sesións temáticas centradas en ferramentas dixitais e de comunicación, moi demandadas polas pequenas empresas e persoas autónomas. O 19 de novembro traballarase arredor da creación de reels e stories para Instagram; o 3 de decembro abordarase o uso de Google Business como escaparate dixital; e o 7 de xaneiro será a quenda de WhatsApp Business, centrado nunha atención ao cliente máis rápida e eficiente.
En febreiro e marzo será o turno das ferramentas de deseño e planificación: o 4 de febreiro aprenderase a empregar Canva para deseñar publicacións profesionais, mentres que o 4 de marzo se dedicará a Metricool, para programar contidos e analizar resultados.
Os meses de abril e maio introducirán as posibilidades da intelixencia artificial aplicada á comunicación empresarial: o 8 de abril celebrarase a sesión “Deixa que a IA traballe por ti”, e o 6 de maio profundarase na IA aplicada á edición de imaxes.
Publicidade
O programa pecharase o 3 de xuño de 2026, cunha sesión de avaliación e conclusións a cargo do equipo da Fundación Roberto Rivas, na que se recollerán impresións e aprendizaxes das persoas participantes.
As sesións realizaranse nas instalacións do Viveiro Municipal de Empresas, no Parque Empresarial Área 33, e combinarán explicacións prácticas con exemplos reais aplicables a comercios, empresas e profesionais autónomos. As inscricións poden formalizarse a través da Fundación Roberto Rivas, na súa páxina web. Esta será a segunda edición do programa, no marco do plan de dinamización do Viveiro Municipal.








Comentarios