top of page

​O TSXG admite a trámite a demanda de Ecoloxistas en Acción contra a autorización de vertidos da mina de Touro

"A situación crítica destas semanas con vertidos desde distintos puntos da mina evidencia a insuficiencia dos condicionantes impostos pola Xunta", sinala a organización


Ecos da Comarca/Touro

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de admitir a trámite a demanda interposta por Ecoloxistas en Acción contra a autorización de vertidos concedida por Augas de Galicia á mina de Touro, unha resolución administrativa que a organización ecoloxista considera "contraria á legalidade e lesiva para o ambiente".

A demanda xudicial chega tras a desestimación do recurso administrativo de alzada presentado o 24 de decembro de 2024 fronte á resolución que autorizou a Explotaciones Gallegas S.L. o vertido de un millón e medio de litros anuais de augas industriais, supostamente tratadas, ao rego Pucheiras, afluente do río Ulla, procedentes da corta inundada do Vieiro.


Ecoloxistas en Acción xa advertira a Augas de Galicia de que a autorización de vertido pretendía legalizar unha situación de verteduras ilegais coñecida pola Administración desde, cando menos, o ano 2018, tras unha inspección da Xefatura Territorial de Minas que constatou a existencia de achiques de augas contaminadas sen autorización de vertido procedentes da antiga explotación mineira de Touro, pechada desde 1988.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Segundo a organización ecoloxista, unha vez constatada a existencia de vertidos non autorizados, Augas de Galicia tiña a obriga legal de incoar procedementos sancionadores, determinar os danos causados e esixir responsabilidades, tal e como establece o Regulamento do Dominio Público Hidráulico. "Pola contra, a Xunta optou por iniciar un procedemento de autorización de vertidos sen depurar previamente as ilegalidades existentes, permitindo que os vertidos contaminantes continuasen producíndose durante anos", lamenta a entidade.


Ecoloxistas en Acción denuncia tamén "a fragmentación artificial do procedemento administrativo, ao tramitarse de forma separada proxectos de drenaxe, obras no dominio público hidráulico e autorizacións de vertido, evitando deliberadamente a súa avaliación conxunta. Esta fragmentación, sinala a entidade, impediu unha avaliación real dos impactos ambientais acumulativos e vulnera a normativa ambiental vixente".

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

O recurso de alzada puxo ademais de manifesto "a estreita relación entre a autorización de vertidos e o proxecto de reapertura da mina, promovido pola empresa Cobre San Rafael. A planta de tratamento de augas da corta do Vieiro, cuxo vertido foi autorizado, aparece recollida tanto nos expedientes de drenaxe como na documentación do proxecto mineiro que recibiu unha Declaración de Impacto Ambiental negativa en 2020, e foi presentada publicamente polas empresas como un paso clave para posibilitar a reapertura da mina".


A organización ecoloxista alerta de que "a autorización impugnada non garante o cumprimento da Directiva Marco da Auga, ao non asegurar a eliminación dos vertidos contaminantes existentes, ao permitir un seguimento baseado case exclusivamente en autocontrol da empresa e ao autorizar un vertido químico continuado a un curso fluvial xa degradado, sen medidas reais de restauración do río Pucheiras nin da conca afectada".

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Coa admisión a trámite da demanda, o TSXG deberá pronunciarse agora sobre a legalidade dunha autorización que, segundo Ecoloxistas en Acción, "prioriza os intereses da empresa fronte á protección das augas, consolida décadas de mala xestión ambiental e supón unha ameaza persistente para o río Ulla e as ría de Arousa".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page