O triatleta Iván Raña promociona o II Desafío Gravel/BTT Ulla Tambre
- Laura Moure

- hace 52 minutos
- 2 Min. de lectura
O campión mundial participará nesta cita deportiva, que percorrerá os concellos de Touro, Vilasantar, Sobrado dos Monxes e Boimorto
Laura Moure/C.Arzúa/Terra de Melide
O GDR Ulla Tambre Mandeo fichou ao triatleta e campión mundial Iván Raña para promocionar o II Desafío Gravel/BTT Ulla Tambre. Trátase dunha cita gratuíta e imprescindible para os amantes do ciclismo, a natureza e o patrimonio. Raña desprazouse ata o concello de Vilasantar para familiarizarse cunha das rutas do evento deportivo. Alí foi recibido polo alcalde, Fernando Fernández Pérez; a presidenta do GDR e alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo; e o persoal do grupo de desenvolvemento rural.

O desafío divídese en dúas datas e en cada xornada poderase elixir entre dúas opcións segundo dificultade: a Jraveliña e o Jravelón. A primeira, o 30 de maio, percorrerá o concello de Touro. Neste caso, o Jravelón conta con 55 km de lonxitude e 1.168 m de desnivel; mentres que a Jraveliña será de 34 km e un desnivel de 742 m.
A segunda, o 6 de xuño, transitará polos concellos de Vilasantar, Sobrado dos Monxes e
Boimorto. O Jravelón terá un trazado de 59 km cun desnivel de 921 metros e a Jraveliña, 40 km cun desnivel de 615 m.
PUBLICIDADE
Todas as rutas serán circulares e comezarán ás 9:30 horas. Pasarán por lugares de gran interese patrimonial e natural como o mosteiro de Sobrado dos Monxes, a área recreativa de Brandelos en Touro ou o conxunto etnográfico do batán de Mezonzo en Vilasantar. As persoas interesadas pódense inscribir en https://sportmaniacs.com/es/services/inscription/ii-desafio-gravelbtt-ulla-tambre
Turismo saudable e sostible
O GDR Ulla Tambre Mandeo ten entre os seus obxectivos a dinamización cultural e turística dos nove municipios que o conforman: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Touro, Toques e Vilasantar.
PUBLICIDADE
Neste sentido, fai case unha década que a entidade aposta polo ciclismo de natureza como instrumento de coñecemento da riqueza paisaxística e cultural do territorio, ademais de xeito activo e saudable. Esta segunda edición do gravel nace tras o éxito da primeira edición, na que máis de 350 persoas percorreron os concellos de Boimorto e Toques, incluíndo zonas de Rede Natura 2000.








Comentarios