O transporte sanitario urxente aéreo por primeira vez cubrirá horario nocturno en Galicia
- Laura Moure

- hace 7 horas
- 2 Min. de lectura
Rueda resalta que o 061 contará cun novo helicóptero coa capacidade e tecnoloxía para “atender enfermos de noite e en condicións meteorolóxicas adversas”
Laura Moure/Xeral
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou onte de que o Consello autorizou “sacar a licitación o contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo” da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por un importe de “55,6 millóns de euros” para os vindeiros oito anos.
Entre as novidades que incorporará o novo contrato destaca que a sanidade pública galega “contará por primeira vez cun helicóptero do 061 dispoñible en horario nocturno, que terá base en Santiago”. Así, a previsión é que, tras un período de transición de 20 meses, a empresa adxudicataria incorpore unha aeronave con capacidade e tecnoloxía “para atender enfermos tanto de noite coma en condicións meteorolóxicas adversas”.
Ademais, o novo contrato de transporte sanitario urxente aéreo suporá un incremento das horas anuais de prestación do servizo.

O transporte e a asistencia sanitaria aéreos inclúe o uso de dous helicópteros, con base en Santiago de Compostela e en Ourense, así como as tripulacións especializadas e a loxística necesaria para o seu desenvolvemento.
O servizo seguirá a estar coordinado pola Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen durante o ano 2024 levou a cabo un total de 846 mobilizacións das aeronaves, para dar unha resposta rápida e axeitada ás urxencias sanitarias na nosa comunidade. Así mesmo, no que vai de ano os recursos aéreos da sanidade pública galega rexistraron 768 mobilizacións.
Publicidade
Estas cifras reflicten a importancia do transporte sanitario aéreo da Xunta, un servizo que constitúe un complemento de especial valor para o sistema sanitario público e para a atención integral dos pacientes.
Melloras cuantitativas e cualitativas
O novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo incluirá un conxunto de melloras de tipo cualitativo e cuantitativo. Así, a incorporación dos voos nocturnos a partir do vixésimo primeiro mes de contrato suporá a ampliación do número de horas efectivas anuais deste servizo asistencial.
Neste sentido, o helicóptero con base en Santiago de Compostela, unha vez cumprido ese prazo, verá estendida a súa actividade ao pasar do actual horario de orto a ocaso, ata un servizo de 24 horas continuadas.
Pola súa banda, o helicóptero con base en Ourense contará cun servizo de atención continuada dun máximo de 12 horas.
Publicidade
Entre as melloras de tipo cualitativo que prevé o novo contrato, unha vez finalizado o período de transición, inclúese o uso de aeronaves de maiores prestacións que as actuais, o que aumentará a seguridade e o confort das tripulacións e dos pacientes. Tamén prevé unha bolsa de horas que permita aumentar o número de horas efectivas de voo; a tramitación da certificación das helisuperficies que permitan o seu uso, tanto diúrno como nocturno, ou o uso de combustible ecolóxico, para favorecer o coidado do medio ambiente.
Ademais, o novo contrato incorpora melloras nas medidas de control da prestación deste servizo e en relación a posibles incumprimentos da operatividade das aeronaves. Establecerá un sistema de penalidades máis severo e proporcional que o actualmente vixente para garantir a mellor prestación do servizo sanitario urxente aéreo aos pacientes que o precisen.








Comentarios