O subdelegado do Goberno Abel Losada anuncia melloras na N-525 e na N-640 ao seu paso por Deza
- Laura Moure

- hace 3 horas
- 2 min de lectura
Os contratos contan cun prazo de execución de catro meses, o que permitirá iniciar de inmediato unhas actuacións consideradas prioritarias para reforzar a seguridade viaria
Laura Moure/Deza
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou onte a adxudicación de tres contratos de emerxencia por importe total de 6.899.767,83 euros destinados á reparación de firmes en distintos tramos da Rede de Estradas do Estado na provincia.

As actuacións responden á necesidade de actuar con urxencia en diversas vías que experimentaron un notable deterioro nos últimos meses como consecuencia das intensas precipitacións rexistradas durante o inverno. O desgaste dos pavimentos e a aparición de diferentes patoloxías no firme fixeron necesaria unha intervención extraordinaria para preservar a seguridade viaria e garantir unhas condicións adecuadas de circulación.
Abel Losada destacou que “o Goberno de España está a dar unha resposta inmediata a unha situación que afectaba á seguridade e ao confort da circulación nas estradas estatais da provincia”. O subdelegado sinalou que “estas actuacións permitirán corrixir os danos nos firmes, agravados polos episodios de choiva dos últimos meses, e reforzar a seguridade viaria nunha rede pola que transitan diariamente milleiros de persoas”.
PUBLICIDADE
Os traballos desenvolveranse en 14 concellos da provincia. A actuación de maior contía, cun investimento superior aos tres millóns de euros, executarase na VG-20 e na A-55 ao seu paso por Tui, Mos e Vigo. Outros 2,5 millóns de euros destinaranse á mellora de distintos tramos das estradas N-550, N-640 e N-525 nos municipios de Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Lalín e Dozón. Pola súa banda, a N-541 contará cun investimento de 1,3 millóns de euros para a reparación do firme entre Forcarei, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.
En concreto, os contratos adxudicados ascenden a 3.088.015,34 euros para a reparación do firme na A-55 e na VG-20; 2.505.386,65 euros para actuacións nas estradas N-550, N-640 e N-525; e 1.306.365,84 euros para a mellora da N-541.
PUBLICIDADE
Os tres contratos contan cun prazo de execución de catro meses, o que permitirá iniciar de inmediato unhas actuacións consideradas prioritarias para reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación na Rede de Estradas do Estado.
Estas obras enmárcanse no compromiso do Goberno de España coa conservación e modernización das infraestruturas viarias, así como coa mellora continua da seguridade e da mobilidade nas principais vías de comunicación da provincia de Pontevedra.








Comentarios