top of page

O SLG reclama un cambio profundo nas políticas agrarias de cara á próxima lexislatura

hace 9 horas
8 min de lectura

Demanda ao goberno que saia escollido nas urnas o 29 medidas urxentes para afrontar a crise de custos, garantir prezos xustos, impulsar o relevo xeracional e avanzar cara a un modelo agroecolóxico


Laura Moure/Xeral

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentou este venres en Santiago de Compostela as súas propostas para o agro e o medio rural de cara á próxima lexislatura 2026-2030, nun acto ao que asistiron representantes de partidos políticos, organizacións sindicais e movementos sociais. A presentación tivo lugar no local nacional do Sindicato Labrego Galego, e correu a cargo da súa Secretaria Xeral, a gandeira María Ferreiro, e do Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez. O encontro desenvolveuse arredor dunha mesa moderada por Diego Sánchez Agra, Secretario de Organización do SLG, e contou coa presenza do BNG, PSOE, Sumar, o Foro Galego de Inmigración e a Plataforma pola Sanidade Pública.


As labregas e os labregos, no centro

O SLG reclama que o goberno que saia escollido nas urnas o vindeiro 29 de novembro sitúe o sector agrario e a alimentación entre as súas prioridades políticas. A organización considera que a próxima lexislatura será determinante para o futuro do medio rural, xa que coincidirá co remate da negociación do orzamento agrario europeo para o período 2028-2034 e co deseño da Política Agraria Común (PAC) que se aplicará durante eses seis anos.

Este proceso desenvolverase nun contexto de crise estrutural do sector primario, agravada polas sucesivas crises internacionais, enerxéticas, económicas e climáticas, que están a comprometer a viabilidade económica de centos de granxas agrarias.


"Nas nosas propostas, defendemos o dereito a unha alimentación saudábel para o conxunto da poboación e un medio rural vivo, o dereito á saúde, á vivenda e a unha vida digna, tanto no rural como nas zonas urbanas", recalca.

A realidade das granxas galegas

Os datos, explica, evidencian a gravidade da situación. "Segundo o Censo Agrario de 2020, o 41% das persoas responsábeis da granxas no Estado español superaban os 65 anos. Ademais, entre 2020 e 2023 desapareceron o 12,4% das granxas, segundo os datos do INE. En Galiza, a evolución tamén é preocupante: o número de solicitudes da PAC reduciuse arredor dun 40% nos últimos trece anos. Dos 35.871 beneficiarios rexistrados en 2013, pasouse a 27.117 en 2017, 22.462 solicitudes en 2025 e 21.123 en 2026".


E salienta que a situación demográfica das granxas reflicte igualmente a falta de relevo: só o 5,5 % das persoas titulares teñen menos de 40 anos, mentres que o 48,3 % superan os 65. "A concentración da produción e a desaparición progresiva de granxas están a ter consecuencias directas sobre o territorio. No sector lácteo, por exemplo, pasouse de máis de 9.500 granxas que entregaban leite en 2015 a menos de 4.900 na actualidade. Un proceso que ameaza non só a actividade agraria, senón tamén o mantemento da vida nas parroquias e nos concellos rurais".


Unha transición agroecolóxica para superar a crise do modelo agroindustrial

O Sindicato Labrego Galego considera que o modelo de produción agroindustrial, impulsado polas políticas europeas e estatais dende os anos oitenta, está a demostrar a súa vulnerabilidade diante das sucesivas crises ecolóxicas, climáticas, enerxéticas e xeopolíticas. "A dependencia dos combustíbeis fósiles, dos fertilizantes químicos e doutros insumos externos está a incrementar os custos de produción. A crise en Oriente Medio agravou esta situación, provocando fortes subas nos prezos do gasóleo, dos fertilizantes e da electricidade. Esta escalada, unida a uns prezos en orixe insuficientes, está a obrigar moitas granxas a producir con perdas".


Ademais fai fincapé o sindicato en que as medidas aprobadas polo Goberno central compensan menos da metade do sobrecusto e vencen o próximo 31 de decembro. Aínda que son necesarias para garantir a supervivencia inmediata das granxas, o SLG considera que non abordan o problema de fondo nin contribúen a construír un sistema agroalimentario máis resiliente. Neste sentido, denuncia especialmente que as axudas para fertilizantes deixen fóra a maioría das granxas galegas ao non contemplar adecuadamente os pastos permanentes pastoreados polo gando.


Para o SLG é imprescindíbel iniciar unha transición agroecolóxica que permita reducir a dependencia dos derivados do petróleo, dos agrotóxicos e dos fertilizantes químicos, avanzar na diversificación produtiva, desintensificar os modelos de produción e fortalecer os circuítos curtos de comercialización.


Entre as medidas urxentes que reclama ao novo executivo destacan:

  • Crear axudas directas para reducir a dependencia das granxas dos combustíbeis fósiles, os seus derivados e os fertilizantes, así como apoiar investimentos en eficiencia enerxética e enerxías limpas.

  • Manter a axuda ao gasóleo agrario mentres persista a crise, compensando o 70% do sobrecusto real mediante descontos directos no momento da compra. A medida debe contemplar tamén o gasóleo A empregado por sectores como o apícola e por proxectos agroecolóxicos de venda directa e reparto de proximidade.

  • Incluír os pastos permanentes nas axudas para a adquisición de fertilizantes.

  • Aprobar un plan estatal para reducir a dependencia do petróleo.

  • Crear un observatorio de insumos coa participación das organizacións agrarias e promover inspeccións de oficio da CNMC sobre as marxes comerciais dos carburantes e fertilizantes.

  • Desenvolver un plan estatal fronte á crise climática que contemple medidas de adaptación, formación e asesoramento ás granxas e fondos para adaptacións agroecolóxicas e comunitarias e para afrontar grandes catástrofes.


Unha PAC ao servizo das persoas produtoras

Outro dos grandes retos da próxima lexislatura será a negociación da PAC 2028-2034. O SLG alerta de que a proposta da Comisión Europea supón un recorte orzamentario do 17,7% en termos nominais, que ascendería arredor do 28,3 % se se ten en conta a inflación.


A organización critica tamén a ausencia de ferramentas eficaces de regulación dos mercados, o mantemento dun sistema de axudas orientado á terra e ao capital en lugar de ás persoas produtoras e a continuidade dun modelo produtivista e exportador que debilita a resiliencia e a soberanía alimentaria.

 PUBLICIDADE

Nas súas propostas, o Sindicato Labrego Galego rexeita igualmente a desaparición dos dous piares da PAC e a súa integración nun fondo multisectorial que agrupe políticas de cohesión, migración e defensa, ao considerar que isto fará competir a política agraria con outros ámbitos polas dotacións económicas. Alén diso, esixe unha simplificación real da PAC e que os pagamentos directos deixen de estar vinculados ás hectáreas e aos dereitos históricos para converterse en verdadeiras axudas á renda, ligadas á actividade agraria e orientadas a equiparar os ingresos das persoas agricultoras coa media estatal.


Prezos xustos e cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria

Garantir prezos xustos é outra das prioridades que o SLG traslada no seu documento de propostas ao futuro goberno. O sindicato considera imprescindíbel que se poñan en marcha mecanismos efectivos para impedir que as granxas vendan por debaixo dos custos de produción.


Para iso, reclama a aplicación real da prohibición de compra a perdas recollida na Lei 12/2013 da Cadea Alimentaria, a extensión dos contratos e do seu rexistro a todos os elos da cadea e a modificación do réxime sancionador para que as multas sexan proporcionais á facturación das empresas ou ao dano causado. Así mesmo, demanda que a CNMC investigue de oficio as marxes da gran distribución e que se recupere un sistema público de información sobre os prezos de venda ao público. O obxectivo é garantir unha negociación colectiva máis equilibrada e evitar que ningún elo da cadea alimentaria se enriqueza mediante prácticas comerciais desleais a costa das persoas produtoras.


Oposición aos tratados comerciais que ameazan a soberanía alimentaria

A pandemia, as guerras e as tensións arancelarias demostraron a vulnerabilidade dun sistema alimentario excesivamente dependente das importacións e das cadeas loxísticas globais. Fronte a este modelo, o SLG defende reforzar a capacidade produtiva propia dende unha perspectiva agroecolóxica, impulsar a produción de proximidade e os circuítos curtos e reducir a dependencia de insumos estratéxicos, como a soia para pensos ou os fertilizantes.


Neste contexto, pide revisar e opoñerse aos tratados de libre comercio que teñen a alimentación como un dos seus principais obxectos de negociación, tanto os xa asinados ou en proceso de aplicación —como os acordos coa UE-Mercosur, Canadá, Marrocos ou Nova Zelandia— como os que están actualmente en negociación, entre eles Australia, Tailandia ou India.


Relevo xeracional: garantir o futuro das granxas e do medio rural

En canto ao relevo xeracional, o Sindicato Labrego alerta de que as previsións apuntan a que, nos próximos anos, por cada dez persoas que abandonen a actividade agraria só se incorporarán tres novas.


Para reverter esta situación, considera imprescindíbel garantir tanto o relevo das granxas existentes como a creación de novos proxectos agrarios no medio rural. Entre as medidas propostas figuran asegurar un orzamento suficiente para a incorporación no próximo PEPAC, flexibilizar os prazos de solicitude e axilizar as resolucións das axudas, así como garantir asesoramento público adecuado.

 

A organización reivindica tamén medidas para facilitar o acceso á terra, protexer legalmente a superficie agraria destinada á produción de alimentos, promover a agroecoloxía e a agricultura ecolóxica e mellorar a formación e o recoñecemento social da profesión agraria. Completan estas medidas a exención no IRPF das axudas á incorporación, incentivos fiscais para quen ceda ou alugue terras a persoas mozas e a garantía de vivenda, conectividade e servizos públicos no rural.


Políticas públicas para garantir os dereitos das mulleres labregas

Para o SLG a igualdade real no medio rural require políticas públicas específicas que permitan superar as desigualdades estruturais que afectan ás mulleres labregas. Entre as súas demandas están impulsar a titularidade compartida mediante axudas ás cotizacións, adaptar estas ás rendas reais e unificar os procedementos nas distintas comunidades autónomas, ademais de ampliar as bonificacións da Seguridade Social para cónxuxes de granxas a mulleres maiores de 40 anos.


Doutra banda, a organización demanda incorporar a perspectiva de xénero á nova PAC, tendo en conta que as mulleres titulares de granxas poden chegar a percibir un terzo menos de axudas directas. Tamén propón valorar positivamente as granxas de titularidade feminina ou compartida nas novas convocatorias do PEPAC. Finalmente, demanda políticas que recoñezan e corrixan a desigual distribución dos traballos produtivos e reprodutivos, que continúa situando moitas mulleres nunha situación de vulnerabilidade económica e social.


Unha reforma agraria para garantir o acceso á terra

O Sindicato Labrego Galego defende que a terra debe ser considerada un dereito humano e colectivo, xestionado polas persoas labregas no marco de sistemas alimentarios socialmente xustos, en consonancia coa Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais.


Por iso, reclama unha reforma agraria baseada nunha nova gobernanza do territorio, que asegure unha ordenación territorial favorábel á superficie agraria útil e aos modelos agroecolóxicos, e que impida que as grandes empresas e os fondos de investimento financeiro concentren o acceso á terra. A proposta inclúe tamén impulsar a comercialización directa, o consumo de produtos frescos e a transformación nas propias granxas ou en estruturas asociativas de proximidade, así como aprobar unha lei marco de bancos de terras que garanta un acceso non especulativo, prezos asumíbeis e a prohibición de privatizar a terra pública.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Servizos públicos e dereitos para un rural vivo

"Alertamos de que non pode existir un medio rural vivo sen servizos públicos de calidade. Por iso, solicitamos que o novo goberno garanta, dentro das súas competencias, o acceso á sanidade, á educación, á atención á dependencia, á mobilidade e á cultura en todo o territorio. Nese senso, defendemos que estes servizos deben ser considerados dereitos das persoas e non oportunidades de negocio, rexeitando que as necesidades básicas da poboación se convertan en fontes de lucro empresarial".


Na liña de propostas, tamén resalta a defensa das pensións públicas como elemento central dun modelo baseado na xustiza social e na solidariedade interxeracional.


Declaración dos Dereitos Labregos

Finalmente, o Sindicato Labrego Galego considera urxente adaptar a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos Labregos e Doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais á lexislación agraria do Estado español e desenvolver un verdadeiro estatuto de agricultura e gandaría labrega. Este marco debe permitir garantir os dereitos recollidos na declaración e establecer as obrigas necesarias para que as comunidades autónomas desenvolvan políticas que os fagan efectivos.


Con este conxunto de propostas, o Sindicato Labrego Galego chama ás formacións políticas a incorporar estas reivindicacións aos seus programas electorais e a situar a agricultura labrega, a soberanía alimentaria, a igualdade e a defensa do territorio no centro das políticas públicas da próxima lexislatura.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page