top of page

O servizo Madrugadores pecha o curso en Melide facilitando a conciliación das familias de 25 nenos

Foi o seu primeiro ano e deu resposta a unha reclamación da comunidade escolar// O Concello abre a inscrición do vindeiro curso o 1 de xullo


Laura Moure/Melide

O primeiro curso de funcionamento do servizo Madrugadores en Melide chegou á súa fin cun balance moi positivo para a conciliación entre a vida familiar e laboral das familias de Melide. O programa, posto en marcha polas concellerías de Igualdade e de Educación, permitiu facilitar a conciliación ás familias dunha media de 25 nenas e nenos ao mes pertencentes aos tres centros educativos.

Este servizo permitiu aos pais e nais levar as nenas e nenos ás 7:30 horas ao centro educativo, de modo que fose máis doado conciliar a vida familiar coas obrigas laborais. A implantación novidosa do programa en Melide permitiu dar resposta a unha ampla reclamación da comunidade escolar que viña de vello.


Inscricións para o próximo curso

O prazo de inscrición para o curso 2022/2023 deste servizo educativo complementario abrirá o vindeiro 1 de xullo e estenderase ata o 15 do mesmo mes. Débese solicitar no Rexistro do Concello, na Praza do Convento nº 5 (teléfono 981 50 57 06). O custe de servizo é de 40 euros mensuais ou 4 euros por uso esporádico (incluíndo almorzo, nos CEIP Nº1 e CEIP Mestre Pastor Barral), e de 30 euros mensuais ou 3 euros por uso esporádico (CEIP Martagona, servizo sen almorzo).

A documentación necesaria no momento do rexistro inclúe, ademais da propia solicitude, o DNI ou equivalente da persoa responsable; o libro de familia; a tarxeta sanitaria ou documento equivalente da nena ou neno; un certificado médico en caso de alerxias ou intolerancias; os documentos que sexan necesarios para acreditar o dereito a bonificacións ou exencións, e o certificado bancario do número de conta.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page