top of page

O servizo de “Xantar na Casa” de Melide amplíase a 20 prazas

15 dic 2021
2 min de lectura

O programa, posto en marcha pola Concellaría de Política Social, atende a persoas maiores, dependentes e/ou en exclusión social


Laura Moure/Melide

O servizo de Xantar na Casa do Concello de Melide aumenta a súa capacidade ata dar servizo a 20 persoas grazas ao convenio que o Concello vén de asinar co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O servizo, posto en marcha en marzo deste ano con seis persoas beneficiarias e que xa en maio cubrira o total de 10 prazas iniciais,

poderá así chegar ao dobre de beneficiarias e beneficiarios. O Concello solicitou a finais de maio deste ano a ampliación que vén de facerse efectiva.

A concelleira de Política Social do Concello de Melide, Carmen Liñeira, amosou a súa satisfacción por este incremento no número de prazas. A edil salientou a boa acollida e valoración deste servizo entre as persoas usuarias e manifestou o “completo compromiso do Goberno local co benestar das nosas e os nosos maiores, así como das persoas dependentes”.


O programa de Xantar na Casa é unha iniciativa social de atención nutricional posta en marcha pola Concellaría de Política Social. Proporciona ás persoas beneficiarias unha alimentación de calidade e nutritiva, evitando o deterioro da súa calidade de vida a causa dunha dieta inadecuada. Ademais, o programa procura facilitar a conciliación das familias e persoas coidadoras e previr situacións de risco no proceso de elaboración da comida. Igualmente, Xantar na Casa fai un seguimento individualizado de cada usuario e usuaria atendendo á súa evolución e ás súas necesidades, a través de supervisión por persoas técnicas e especialistas en nutrición e enquisas periódicas.


A iniciativa diríxese a persoas maiores de 60 anos con limitada autonomía persoal, persoas depedentes ou persoas menores de 60 anos en exclusión social. Neste último caso, previa avaliación técnica dos servizos sociais municipais e en colaboración cunha intervención social máis ampla para resolver a situación da persoa.


O convenio que veñen de asinar o alcalde, José Manuel Pérez Penas,e a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, en representación respectivamente do Concello de Melide e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, terá unha duración de catro anos prorrogables por outros catro mentres estea vixente.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page