Para dar os avisos, a veciñanza debe de chamar ao 615 493 795
Laura Moure/Silleda
O servizo de recollida de enseres domésticos a domicilio continúa co programa Silleda Sostible, que tamén se fará cargo da xestión do Punto Limpo. O número de teléfono para dar os avisos pasa a ser o 615 493 795, que estará operativo de luns a venres en horario de 9:00 a 13:00 horas.

Os días de recollida serán os mércores, xornada na que está aberto o punto limpo. Cada semana realizarase as recollidas dos avisos que se reciban ata o día anterior. Os usuarios deberán depositar os enseres os martes pola noite no lugar onde lles sexa indicado. Así mesmo, dende o Concello de Silleda tamén se fai un chamamento á colaboración cidadá para o correcto funcionamento do servizo, incidindo en que só se poden depositar residuos voluminosos de carácter doméstico, para a súa posterior reciclaxe no punto limpo, e que deben depositarse na xornada anterior.
Así incídese en que non se recollerán por exemplo neumáticos nin residuos da construcción nin outros de carácter perigoso que non se poidan reciclar no punto limpo. Trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que se está a prestar dende o Concello de Silleda con gran éxito dende o ano 2019 . Este servizo, sen custe algún para as persoas usuarias, vén a reforzar a mellora na xestión de residuos, facilitando á veciñanza a posibilidade de desfacerse de mobles, voluminosos, e outro tipo de enseres de grandes dimensións, dun xeito axeitado, ca súa correcta reciclaxe no Punto Limpo.
Comments