top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Rodeiro de Tapas ofrece dende hoxe ata domingo unha ducia de elaboracións do máis saborosas

Ademais, mañá a cita acompañarase con Cantos de Taberna e a clientela opta a distintos premios


Laura Moure/Rodeiro

Hoxe, venres, arranca a segunda tanda do Rodeiro de Tapas que xa celebra a súa décima edición e que está organizado por este Concello. Este evento é todo un éxito e cada ano supera as expectativas. De feito, na edición pasada na que participaron 13 locais despacháronse 4.000 tapas na primeira fin de semana, unha cifra que se superou nese mesmo período este ano cun establecemento menos.

E esta boa acollida tradúcese nunha facturación de máis de 10.000 euros só en tapas a pasada fin de semana o que demostra que este tipo de iniciativas é de gran axuda para a hostalaría. O xurado profesional xa tivo oportunidade de degustar estas saborosas elaboracións o pasado sábado. Este ano este estivo formado por Quique Morales, Rogelio Santos Queiruga, Conchi Zúñiga, Emilio Vila, Élida Rey e Isa Crespo.


Pero para aqueles que aínda non as probaron ou para os queiran repetir poderán facelo hoxe, venres, mañá e pasado. O prezo da tapa é de 2,5 euros e os horarios son: o venres de 19 a 23 horas; o sábado de 13 a 15 horas e de 19 a 23 horas e o domingo de 13 a 15 horas.


Ademais, este sábado, día 20, volverá haber Cantos de Taberna a partir das 20 horas. Desta volta actuarán polos locais participantes os grupos: Sin Sons, Dakidoasma, Varacuncas, Airiños do Farelo e A fonte de Merlán.


Locales participantes e as súas elaboracións:

1. RESTAURANTE A LATIZA: Palomo.

2. HOSTAL AS CARPINTEIRAS: Marisa sen prisa.

3. CASA ACHACÁN: Saturno.

4. BAR DESITO: Tostón relleno.

5. CASA SÁNCHEZ: Maripuri.

6. TABERNA BRUXAS E CORUXAS: Vedoira do Forno.

7. CABALOS DO FARO: Pastel de carrilleras.

8. PUB GALLAECIA: Tortillaca.

9. MESÓN A RODA (MARANTEIRO): Laconada.

10. BAR DACAL: O Nórdico.

11. BAR O RECANTO: Seruto de Río.

12. A ESMORGA: Arepa Galega.

Podedes ver as pintazas que teñen cada unha delas nas seguintes imaxes:

Autora do collage: Isa Crespo.


Distintos premios para a clientela

Ademais da entrega de distincións aos locais participantes, a clientela tamén optará a distintos premios.


Entre os clientes que proben as 12 tapas e cubran o pasaporte correspondente sortearase un lote de viños de Adega Bilbaínas, un lote de viño por xentileza de Discinfa, unha noite de aloxamento para dúas persoas con almorzo e acceso ao circuíto termal no Balneario de Mondariz, outorgado por IberikHotels, unha noite de aloxamento en casa Ferreiro do Courel e unha cea para dúas nun establecemento aínda por definir de Galicia Calidade. A estes premios súmase o sorteo de dous menús de fin de semana para dúas persoas no Hostal A Viúva de Trives e de cuchillería As Burgas, un maletín e 12 pezas dun xogo de cubertos Victorinox.


Así mesmo, entre os locais repartiranse talonarios de papeletas e por cada tapa degustada, os consumidores poden depositar unha cos seus datos para entrar no sorteo de preto dunha ducia de premios. Estes son unha comida para dúas persoas en casa Agenor de Trives, un lote de viños da adega Chao do Couso, un lote de produtos de Panadería Caneda, dous bonos para un percorrido mariño no Talaso Atlántico, un lote de produtos de Galicia Calidade e outro de Caurelor. Tamén figura unha comida para dúas persoas en Casa Ferreiro, un lote de viños da adega Entrerríos, unha cea para dúas nun establecemento de Rodeiro ofrecida pola empresa Avega; outra cea tamén para dous comensais nun restaurante de Camba, que achega Cogal e un lote de produtos Kalekói.


Por sorteo

Os nomes dos gañadores obteranse por sorteo. Os premios caducan aos 30 días e se non son recolleitos pasarán aos suplentes, xa que se elixirá tamén a un suplente por premio. Establécese tamén, como en anteriores edicións, un premio especial para as persoas que axuden a difundir o certame a través das redes sociais utilizando o hashtag #Rodeirodetapas2023. A persoa que resulte ser a máis activa nas redes axudando á difusión do certame gañará unha noite para dúas persoas nun establecemento aínda por decidir de Galicia Calidade.


O concelleiro Pablo Sobrado convida a desfrutar desta iniciativa durante estes tres días onde a excelente gastronomía estará acompañada de boa música, ademais, de poder levarse á casa distintos premios.







0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page