Os socialistas denuncian ante Agader que o Concello "incumpre" co obxecto da subvención xestionada a través do GDR Ulla Tambre Mandeo
Ecos da Comarca/O Pino
O Grupo Municipal Socialista do Pino vén de presentar un escrito de denuncia ante a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Rivera, para que requira ao Concello de O Pino o reintegro da subvención recibida no ano 2019 a través do Plan Leader por "incumprimento reiterado do obxecto da mesma".
"Grazas a esta axuda, xestionada a través do GDR Ulla Tambre Mandeo, o Concello de O Pino adquiriu varias cintas de correr, elípticas, bicicletas estáticas e máquinas de remo, instalando así un pequeno ximnasio no pavillón deportivo do Lameiro", explica. Ximnasio que debería estar posto en funcionamento desde finais do ano 2019, segundo informan desde o PSOE local.
"Este novo equipamento deportivo tiña que estar á disposición da veciñanza desde finais do ano 2019 e o noso grupo así o demandou varias veces no Pleno. A día de hoxe a instalación segue pechada e a nosa paciencia tamén ten un límite”, indica o voceiro socialista, Óscar Vilar.
Demanda explicacións
O PSOE do Pino alega no seu escrito que o Concello "incumpre, de forma reiterada, co obxecto da axuda e coa normativa en materia de subvencións. Agora, a quen toca pedir explicacións é á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, como ente público dependente da Xunta de Galicia, e ente que concede este tipo de axudas”, recalca.
Os socialistas tampouco aceptan como escusa a pandemia da Covid-19. "A estas alturas todos os veciños e veciñas tiñamos que coñecer o protocolo do uso das máquinas e horarios, e nada se sabe do asunto. Se existira un mínimo de interese este traballo tiña que estar feito e ser público”, afirman. O PSOE local lamenta, unha vez máis, que o alcalde e o seu equipo, "opten ás axudas co único propósito de sacar a foto, e pouco ou nada importen os servizos que se ofrecen á poboación do Pino".
Comments